O Microsoft Office estrea versión de balde con publicidade

luns, 24 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

Dende Beebom sorprenden dando conta de que o paquete ofimático de Microsoft está dispoñible de balde con anuncios, modalidade que a propia Microsoft non anunciou oficialmente, pero que xa está dispoñible.
Aínda que o normal para poder gozar das aplicacións de ofimática de Microsoft é subscribirse ao servizo Microsoft 365 ou mercar unha versión vitalicia do lote de aplicacións, agora é posible instalar a última versión do Office para Windows 11 e, tras saltar as opcións para pagar pola súa subscrición, gozar das aplicacións de balde con bastantes limitacións, das que as máis importantes serían que se amosa sempre publicidade nun lateral e que o almacenamento dos ficheiros debe realizarse sempre en OneDrive (o servizo de almacenamento na nube de Microsoft).
Pero as aplicacións con publicidade seguen a ter limitacións moi importantes, xa que teñen bloqueadas funcións moi diferentes, que no caso do Microsoft Word serían, por exemplo, o ditado, as cabeceiras e os pés de páxina, as caixas de texto, os WordArt, as ferramentas de debuxo e as ferramentas de correspondencia, entre moitas outras, polo que parece claro que falamos de aplicacións só aptas para un uso particular non profesional. As carencias de Excel e PowerPoint irían na mesma liña, polo que podemos entender que estamos ante aplicacións orientadas a servir de proba para atraer a futuros subscritores de pagamento.