O Ministerio de Ciencia e Innovación distingue a Carlos Gómez Rodríguez, investigador do CITIC da UDC

xoves, 6 de outubro do 2022 S. P.

O profesor da Universidade da Coruña Carlos Gómez Rodríguez obtivo o Premio Nacional de Investigación para Jóvenes María Andresa Casamayor, na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) que outorga o Ministerio de Ciencia e Innovación. O investigador do CITIC foi recoñecido “pola orixinalidade e o impacto das súas achegas ao desenvolvemento de algoritmos que incorporan a linguaxe natural a contornas dixitais propios da Intelixencia Artificial”, segundo destaca a nota emitida polo Ministerio este mesmo 6 de outubro.
Para Carlos Gómez “este premio é un recoñecemento que non esperaba e que sempre é benvido”, manifestou. A súa traxectoria investigadora é o Procesamento da Linguaxe Natural, en particular a análise sintáctica, “moi interesante pois contribúe a que os ordenadores poidan traballar coa linguaxe humana, de forma que se comuniquen con nós de forma máis efectiva”, explica, poñendo o foco na importancia do desenvolvemento de sistemas de procesamento da linguaxe multilingües e eficientes, “un ámbito especialmente relevante para linguas que non contan con grandes mercados ou abundancia de recursos, como é o caso do galego”.
Xunto con Carlos Gómez, foron recoñecidos outros nove investigadores novos, nunha convocatoria na que se presentaron 185 candidaturas.
A Universidade da Coruña destacou que estes premios “son o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica”.
Os galardóns, dotados con 30.000 euros en cada modalidade, están dirixidos a investigadores de menos de corenta anos, que estean desenvolvendo un labor relevante e recoñecido internacionalmente nunha institución española.
Carlos Gómez Rodríguez (Murcia, 1982) é profesor titular (actualmente pendente de nomeamento como Catedrático) na Universidade da Coruña, na que se doutorou en Computación en 2009.
A súa investigación céntrase no Procesamento da Linguaxe Natural (PLN), unha tecnoloxía cada vez máis presente no día a día, con especial enfoque na análise sintáctica, que é clave para calquera sistema que necesite extraer significado de textos en linguaxe humana. En particular, como dixemos, enfócase na consecución de métodos eficientes e multilingües.
A súa produción científica abrangue máis de 140 publicacións, tanto nos principais congresos e revistas de PLN e Intelixencia Artificial (IA) como traballos multidisciplinares en revistas de física, ciencia cognitiva ou matemáticas. Entre outras contribucións, presentou un paradigma de análise sintáctico totalmente novo baseado en etiquetaxe secuencial, que permite obter analizadores sintácticos con velocidades sen precedentes, e lidera o único laboratorio europeo que conseguiu superar os récords en precisión da análise sintáctica desde a popularización das arquitecturas de aprendizaxe profunda.
Foi investigador principal do proxecto FASTPARSE (Fast Natural Language Parsing for Large-Scale NLP), financiado con 1.481.747 euros polo Consello Europeo de Investigación (ERC) na súa convocatoria de Starting Grants. Actualmente é tamén investigador principal doutro proxecto europeo da convocatoria ERC Proof-of-Concept Grant, ademais de supervisar a unha investigadora postdoutoral Marie Curie. Así mesmo dirixe e dirixiu diversos proxectos nacionais e autonómicos e catro teses doutorais, con outras dúas en curso. A nivel institucional, desde 2018 coordina a área Innova Humanitas do Campus Innova da UDC, que busca especializar á institución en humanidades dixitais.

PUBLICIDADE