O Ministerio para a Transformación Dixital e o Concello da Coruña acordan a cesión da Terraza para a AESIA
martes, 18 de xuño do 2024
O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública e o Concello da Coruña asinaron na tarde deste 18 de xullo o convenio que articula a cesión do edificio A Terraza como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia artificial (AESIA). O documento, asinado polo ministro José Luis Escrivá, e Inés Rey, alcaldesa da Coruña, establece a cesión do edificio A Terraza, situado nos céntricos Xardíns de Méndez Nuñez, durante un prazo de catro anos de forma gratuíta.
Ademais, o acordo estipula que o Concello se fará cargo das obras necesarias para a adecuación dos espazos ás necesidades da Axencia, que comezarán nas próximas semanas. Pola súa banda, a AESIA encargarase da adaptación dos espazos e das subministracións do inmóbel.
No acto de sinatura tamén estiveron presentes a presidenta da Axencia, Mayte Ledo, secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e Ignasi Belda, director xeral da AESIA, no que foi o seu primeiro acto público nesta responsabilidade.
Co recente nomeamento de Belda como director xeral está previsto que nas próximas semanas empecen os procesos de selección do resto do persoal da AESIA.
O ministro Escrivá agradeceu ao Concello da Coruña a cesión dun edificio emblemático como é A Terraza, que coa chegada da Axencia converterase en centro neurálxico da innovación e o debate sobre tecnoloxía.
Ademais, celebrou que a Axencia se instale “nunha cidade como Coruña, que nos últimos anos converteuse nun polo de talento e investigación”.