O Ministerio recibe máis de 100 candidaturas para a Dirección Xeral da AESIA, con sede na Coruña
venres, 10 de maio do 2024
- O Edificio da Terraza na Coruña, sede da AESIA
O Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, pechou o proceso de presentación de candidaturas para ocupar a Dirección Xeral da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), que terá a súa sede na Coruña, no Edificio da Terraza. A convocatoria, lanzada o pasado 8 de abril, buscaba atopar ao perfil idóneo para liderar esta institución pioneira en Europa.
Os requisitos para os candidatos incluían experiencia académica e técnica en IA, habilidades de xestión e liderado, coñecemento legal e perspectiva ética, así como unha ampla rede de contactos no ámbito empresarial, institucional e académico.
A vacante tivo unha gran acollida, pois no mes no que estivo aberto o proceso presentáronse un total de 106 candidaturas con perfís variados que abarcan desde o mundo empresarial ata o académico. Ademais, a experiencia acreditada polos candidatos, así como os traballos de reflexión para plasmar a súa visión da AESIA demostraron, en palabras do equipo de avaliación, “unha calidade impecábel do talento español en materia de Intelixencia Artificial”.
Para continuar co proceso, a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e presidenta da AESIA, designou un grupo de expertos para que asesoren na avaliación dos candidatos en base á súa experiencia e coñecemento do ecosistema tecnolóxico español e global.
O grupo de expertos está integrado por Jordi Torres, experto en arquitecturas de computación de alto rendemento, Claudio Feijóo, especializado na economía dixital e a transformación tecnolóxica, Nuria Oliver, coñecida pola súa investigación en modelos computacionas de comportamento humano e sistemas intelixentes, e Daniel Innerarity, filósofo político con enfoque na gobernanza da tecnoloxía.
Coa creación deste grupo de expertos para o asesoramento na avaliación das candidaturas, a AESIA lembra que se reafirma o seu compromiso “cunha supervisión da IA que sexa ética, responsábel e acorde coas necesidades da sociedade española, ademais dun proceso de selección transparente e obxectivo”. E engade a axencia: “A interdisciplinariedad dos perfís do grupo, así como a súa experiencia no sector serán fundamentais para completar unha avaliación obxectiva e detallada dos candidatos, tendo en conta a alta esixencia que supoñerá a Dirección Xeral da AESIA”.
En cuestión duns días o grupo de expertos presentará unha avaliación acompañada de propostas de designación á secretaria de Estado para seleccionar ao candidato ou candidata ao longo do mes de maio de maneira que sexa posteriormente nomeado ou nomeada polo Consello Reitor da Axencia. Unha vez designada a persoa que dirixirá a AESIA, iniciaranse os traballos de selección do resto do persoal.