O Modo IA de Google aínda non chega á Unión Europea

xoves, 21 de agosto do 2025 Redacción

Google continúa a reforzar a utilidade de Busca coa incorporación de capacidades máis avanzadas no Modo IA, que desde hoxe ofrece funcións axenciais para facilitar a xestión de tarefas e respostas máis personalizadas segundo os intereses de cada usuario. Ademais, a compañía inicia unha expansión internacional que levará esta experiencia a máis de 180 países e territorios en inglés, deixando polo momento fóra os países da Unión Europea.
As novas funcións axenciais permiten que o Modo IA realice accións prácticas como buscar reservas en restaurantes, ás que se sumarán en breve citas en servizos locais ou entradas para eventos. A ferramenta é quen de xestionar múltiples condicións (como número de comensais, data, hora, localización ou tipo de cociña) e rastrexar en tempo real diferentes plataformas de reservas. O usuario recibe así unha listaxe filtrada de opcións dispoñibles e pode acceder directamente á páxina de reserva para completar o proceso.
Outro dos avances é a personalización, que arrinca tamén nos EE.UU. para temas relacionados coa restauración. O sistema pode recomendar locais en función de buscas previas ou lugares consultados en Busca e Mapas. Así, se detecta preferencia por comida italiana, pratos vexetais ou terrazas ao aire libre, adaptará os resultados a estes criterios. Os usuarios conservan en todo momento o control sobre os datos compartidos e poden modificar a configuración da súa conta.
Tamén se engade a posibilidade de compartir respostas do Modo IA mediante ligazóns, o que facilita a colaboración con familiares e amigos en tarefas como a planificación dunha viaxe ou dun aniversario. O creador da ligazón mantén o control e pode eliminala cando queira.
Tras o éxito obtido nos EE.UU., India e Reino Unido, o Modo IA chega agora a máis de 180 países e territorios, ampliando o acceso á súa versión máis avanzada para consultas complexas, como comparacións de produtos, planificación de viaxes ou explicacións prácticas. Google adianta que proximamente haberá novidades en novas linguas e rexións.