O Motorola Razr estrea versión con 5G

mércores, 9 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Pese á expectación creada pola presentación do Motorola Razr, polo seu concepto curioso de smartphone encartable, a súa chegada ao mercado a un prezo elevadísimo (1.599 euros) e cunhas especificacións de móbil de gama media (que merecerían un prezo de entre 200 e 300 euros) auspiciaban unha mala acollida para este dispositivo que á hora da verdade foi comercialmente irrelevante. Pero Motorola non quixo tirar a toalla, e decidiu que a súa nova versión con conectividade 5G corrixiría algunhas da súas carencias.
Temos así que o Motorola Razr 5G mantén a mesma proposta estética e funcional, trasladando o concepto de teléfono de cuncha a un smartphone con pantalla encartable, pero actualizando o seu procesador a un Qualcomm Snapdragon 765G (o máis popular entre os móbiles 5G dun rango de prezo de entre 300 e 400 euros), a súa RAM (pasa de 6 a 8 GB), o seu almacenamento interno (pasa de 128 GB a 256 GB) e as súas cámaras, que son probablemente o elemento no que máis mellora o terminal, que agora conta cunha cámara traseira de 48 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe e unha cámara frontal de 20 Mpíxeles, de xeito que non resultará tan frustrante como o modelo anterior (que disparaba instantáneas propias dun móbil de gama baixa). Curiosamente estas melloras, en vez de encarecer o móbil veñen acompañadas por unha baixada de prezo até os 1.499 euros, o que segue a ser moi esaxerado, especialmente se o comparamos coa versión 5G do Samsung Galaxy Z Flip, que non só ofrece unha experiencia de uso moi superior, senón que tamén está equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 865 Plus 5G, polo que pode considerase un auténtico móbil de gama alta, mentres que o de Motorola segue a ter unhas prestacións propias dun gama media.

Vídeo promocional do Motorola Razr 5G

PUBLICIDADE