O Movemento Maker espallarase co vindeiro curso nos barrios de Compostela

venres, 14 de xullo do 2023 S. P.

Un Laboratorio de Fabricación Dixital Móbil percorre estes días Compostela para dar a coñecer o proxecto argalleiro, aberto e tecnolóxico Faino Ti. Trátase dunha iniciativa pioneira que se desenvolverá á volta do verán. O programa, impulsado desde a concellería de Promoción Económica, ten como obxectivo “achegar o movemento maker, as TIC e a ciencia ao conxunto da veciñanza”. A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, e o edil de Centros Socioculturais, Xan Duro, visitaron este venres 14 de xullo o Fab Lab Móbil, ao carón do CSC das Fontiñas.
María Rozas salientou que “esta iniciativa, vinculada ao programa EDUSI, fai unha clara aposta pola innovación, poñendo o foco en colectivos como o das persoas desempregadas ou os emprendedores, e por levar o coñecemento a todo o territorio de Compostela de maneira coordinada entre as concellerías de Promoción Económica e Centros Socioculturais”".
A rede de Centros Socioculturais será escenario, no próximo outono, do programa Faino Ti, que contará con tres actividades diferentes: un Fab Lab vinculado a unha Academia Maker Intensiva e a seminarios sobre tecnoloxías de fabricación dixital; unha Rede TIC2 de carácter interxeracional; e un programa divulgativo para o conxunto da poboación, e en particular para os centros educativos.
Academia Maker
Un dos eixos centrais do Faino Ti será a Academia Maker intensiva, que contará con prazas limitadas e que estará dirixida principalmente a persoas emprendedoras ou en busca activa de emprego. As súas actividades desenvolveranse nos crentros socioculturais, e ao seu abeiro realizaranse tamén seminarios abertos a todos os públicos. Nestas aulas serán abordadas temáticas como o deseño, escaneado e impresión 3D, electrónica e programación ou deseño de máquinas. O proceso de inscrición para participar tanto na Academia como nos seminarios xa está aberto, a través da web compostelamaker.gal.
A Academia Maker intensiva completarase coa presenza nos barrios do Laboratorio de Fabricación Dixital Móbil, que este 13 de xullo estivo xa na praza Roxa, este venres nas Fontiñas, e que o sábado poderá visitarse na Almáciga. Trátase dun vehículo equipado con impresoras 3D, escáner 3D, ou máquinas de corte láser, que será utilizado despois para poñer en práctica as aprendizaxes da Academia.
A segunda parte do proxecto ten que ver coa formación da poboación adulta en competencias TIC para o seu día a día, relacionadas con cuestións como a ciberseguridade, a Intelixencia Artificial ou a creación de contidos.
Unha terceira actuación enmarcada no proxecto Faino Ti permitirá divulgar os coñecementos da Academia Maker e da Rede TIC2 entre o conxunto da poboación, e en particular nos centros educativos. Trátase de formar tamén aos docentes en metodoloxías de innovación ou fabricación dixital.
O proxecto Faino Ti encádrase no programa Colabora e Innova no teu Barrio, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado-EDUSI Revive Santiago, financiada nun 80% polo Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2021. O orzamento do programa supera os 200.000 euros.

PUBLICIDADE