O Movistar Home di adeus o 22 de outubro

martes, 23 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Hai uns anos Telefónica sorprendeu apostando polo que chamaban a cuarta plataforma, como un xeito de enfrontase aos xigantes da Internet, para o que chegou a lanzar un asistente virtual chamado Aura, materializado nun dispositivo físico, o Movistar Home, que lembra aos Echo Show de Amazon, e que ofrece comunicacións de voz e vídeo, servizos de información e acceso a contidos de lecer de audio e vídeo.
Pero a ninguén se lle escapa que foi un rotundo fracaso, polo que non sorprende que estean a comunicar aos seus usuarios que, dentro dun mes, os dispositivos quedarán fóra de servizo, ao desconectarse os servizos en liña que lle permiten operar, instando aos clientes a levar o seu dispositivo a un punto limpo ou a unha tenda de Movistar para que poida procederse á súa reciclaxe.
Hai un par de anos o trebello deixou de venderse, e as súas funcionalidades podían emularse de xeito doado a través dunha aplicación para tabletas xa desaparecida, deixando claro que Movistar perdeu completamente o interese de explorar esa liña de negocio.