O Museo Centro Gaiás estrea aplicación para dispositivos móbiles

xoves, 31 de xullo do 2014 Redacción

Esta semana presentouse unha nova aplicación móbil coa que se pretende facilitar e enriquecer a visita do público ao Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Con esta aplicación móbil desenvolvida coa tecnoloxía ASPIE da empresa galega Kappowsky búscase proporcionar unha experiencia novidosa aos visitantes a través dos seu teléfonos móbiles ou tablets, xa que esta ferramenta pode descargarse de balde a través de Google Play ou da App Store, para Android e iOS respectivamente.
Durante a presentación da aplicación, o conselleiro de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, estivo acompañado por un dos responsables da aplicación, Santiago Berdullas Silva, co fundador de Kappowsky, firma formada por dous emprendedores galegos e que foi finalista con mención especial do xurado no ano 2012 dun dos premios nacionais máis prestixiosos para emprendedores: o Premio Universia. Santiago Berdullas foi o encargado de amosar o funcionamento e as características desta app, fortemente intuitiva, fácil de manexar e apta para todos os públicos.

Contido adicional

Grazas a esta tecnoloxía, os visitantes do Museo Centro Gaiás poderán explorar de forma autónoma e só coa axuda dos seus dispositivos móbiles, o interior do edificio e das obras da exposición do momento. Grazas ao seu motor de xeolocalización, a aplicación móbil determina en que punto está o visitante dentro do edificio, permitíndolle descubrir as diferentes salas ao tempo que recibe información sobre as obras de arte ou os puntos de interese próximos a elas.
A través desta aplicación, o visitante pode consultar contido adicional das obras máis importantes en forma de audio, vídeo, imaxes ou vínculos a outras páxinas, enriquecendo a súa visita. O usuario atopará, ademais, información práctica que lle axude no seu percorrido como a ruta que debe seguir para chegar aos aseos, ascensores, á tenda ou á saída de emerxencia máis próxima.

Visitas individualizadas e adaptadas

Máis alá do percorrido recomendado, a aplicación presentada hoxe permítelle a cada usuario deseñar a súa propia ruta grazas ao sistema de xeolocalización, que posiciona ao visitante no interior do edificio sen necesidade de sinal GPS, facilitándolle en todo momento a información que precise.
Esta entrada do Museo Centro Gaiás no mundo da tecnoloxía móbil implica unha mellora nas visitas das persoas con discapacidade, ao permitir por exemplo as persoas xordas acceder aos contidos extra propios das visitas con guía. Son moitas as opcións que se abren tamén no eido das visitas didácticas, ao facer posible a definición de rutas específicas en función dos contidos para cada nivel ou eido educativo.

Unha nova experiencia en cada visita

A app do Museo Centro Gaiás non é unha tecnoloxía pechada. O sistema desenvolvido por Kappowsky permite a súa personalización futura, de forma que se reinvente con cada exposición, posibilitando que o visitante goce dunha nova experiencia cada vez que se achegue ao Museo.

A nova aplicación móbil está adaptada tanto a smartphones como a tablets

PUBLICIDADE