O Museo Colexiata de Sar, en Santiago, estrea logotipo e páxina web

martes, 31 de outubro do 2023 S. P.

A Fundación Catedral de Santiago e o Arcebispado de Santiago presentaron parte dos froitos resultantes de meses de traballo desenvolvendo o novo plan museolóxico e museográfico para a Colexiata de Sar, dirixido a “renovar e dinamizar este espazo histórico de grande interese no ámbito da cidade de Santiago de Compostela”. Como parte de este proxecto, creouse unha imaxe corporativa, unha páxina web e un libro-guía, traballos que foron realizados ao abeiro das axudas da Xunta de Galicia destinadas á Centros Museísticos da Comunidade Autónoma de Galicia.
En primeiro lugar, deseñouse unha identidade corporativa, que servirá de “elemento indicativo e visíbel”. Este logotipo foi elaborado pola deseñadora compostelá Laura Fernández, a partir das letras que conforman a inscrición que se pode ler no sepulcro do Arcebispo Bernardo II, do século XIII, que se conserva na igrexa de Sar.
Ao mesmo tempo, elaborouse unha páxina web na que se concentran as diferentes informacións relacionadas con este espazo patrimonial. No sitio, ademais de información práctica sobre horarios e tarifas, pódese consultar e ampliar datos sobre a arte e a historia da igrexa e do seu claustro, realizar un percorrido polas pezas máis destacadas do seu museo e ter acceso a recursos educativos, destinados ás visitas escolares. A web pódese consultar no enderezo www.musar.gal.
Ademais, editouse unha nova e ampla guía de visita do conxunto de Santa María de Sar. Trátase dunha publicación realizada a modo de guía de visita que percorre toda a historia do espazo. Tamén inclúe unha descrición artística de cada un dos espazos que conforman o conxunto monumental, formado pola igrexa, o claustro e o museo.
Esta publicación, escrita pola historiador da arte Victoriano Nodar, permite profundar nos dous campos de estudo, o da historia da Colexiata de Santa María de Sar e a evolución artística tanto da igrexa como do claustro e as estancias que o rodean. A publicación estará dispoñíbel no propio Museo.

PUBLICIDADE