O Museo de Belas Artes da Coruña mostra como mellorar a experiencia dos visitantes con novas tecnoloxías
mércores, 24 de novembro do 2021
Esta mañá inauguráronse na Coruña as Xornadas
sobre Museos e Tecnoloxía, que se desenvolven até mañá no
Museo de Belas Artes organizadas por este centro artístico e
promovidas pola Xunta. Na
cita participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo,
amais de 22 profesionais procedentes de distintos recantos de Galicia
e de España, así como de México e dos Estados Unidos de América,
abordando os usos tecnolóxicos nos espazos museísticos para as máis
de 450 persoas inscritas, 80 de xeito presencial e 380 en liña,
moitas delas de países latinoamericanos.
Lorenzo
destacou na inauguración o obxectivo das xornadas (analizar o uso e
a implantación das novas ferramentas no ámbito dos museos) e as
diferentes temáticas abordadas. Así, na primeira xornada
abordaranse cuestións como o uso tecnolóxico na xestión interna
dos museos ao servizo dos ámbitos da conservación, do estudo das
coleccións e da dixitalización. Tocaranse tamén nesta recta
inicial do evento temáticas como a importancia de contar cunha
estratexia dixital, o concepto de open data e as posibilidades
de xestión e promoción que ofrecen a sensórica e a Intelixencia
Artificial.
Na
segunda xornada afondarase na experiencia dos usuarios. Trataranse o
uso educativo dos xogos, a Realidade Virtual, as experiencias co
arquivo dixital e os proxectos de gamificación, entre outras
propostas.
As
intervencións do encontro corren a cargo de persoas expertas en
ámbitos como a conservación de museos, as novas tecnoloxías e as
telecomunicacións. Participan tamén catedráticos de universidade
que desenvolven o seu labor académico neste tema desde diferentes
áreas, como a enxeñaría, a arquitectura, a arqueoloxía, a
historia da arte, a comunicación ou as matemáticas.
Canto
ao perfil das persoas inscritas, vai desde profesionais de museos e
da xestión cultural, a técnicos de empresas privada ou estudantes
de museoloxía.