O Museo de Pontevedra achega os seus fondos grazas a unha ferramenta de consulta en liña
mércores, 27 de novembro do 2024
Achegar á cidadanía toda a colección do Museo de Pontevedra, máis ampla que o exhibido nas salas de exposición, é o obxectivo da nova ferramenta para achegarse ao amplo e variado catálogo dos fondos e que pode visitarse dende hoxe, 27 de setembro na web do museo.
A Deputación de Pontevedra achega esta nova sección: Explora a colección, na que calquera persoa pode navegar polos fondos da institución empregando múltiples criterios de busca, para consultar os 25.182 rexistros dispoñíbeis en liña.
A presentación da nova ferramenta correu a cargo do vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e da directora do Museo, Ángeles Tilve. Domínguez sinalou que: “hoxe é un día moi importante porque estamos cumprindo unha das funcións do Museo, poñer as obras de arte a disposición da sociedade”. O vicepresidente salientou que agora “desde calquera lugar do mundo se poderá acceder a practicamente todas as obra da colección” e nesta mesma idea afondou Ángeles Tilve, poñendo o foco en que “mentres que nas salas dos edificios Castelao e Sarmiento temos expostas arredor de 1.250 pezas, a través desta nova ferramenta poderase acceder a máis de 25.000 bens catalogados da nosa colección”.
Tanto o vicepresidente provincial como a directora agradeceron ao equipo de conservación do Museo o traballo na elaboración das fichas dos bens catalogados e salientaron que este é un proxecto que se realizou integramente por persoal propio, tanto os contidos realizados no Museo como a ferramenta tecnolóxica desenvolvida polo departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación.
Indo á sección Explora a colección: de cada obra na colección pode consultarse a súa autoría, a cronoloxía e escola á que pertence, características como as dimensións, a técnica e os materiais, a temática e as coleccións nas que se insire, así como datos puntuais dalgúns rexistros, como o xeito de ingreso e títulos alternativos ou campos específicos de determinados tipos de bens, como os arqueolóxicos ou os numismáticos. Cada ficha achega tamén, na maioría dos casos, unha ou varias imaxes. Para axudar na consulta, a ferramenta conta cun completo buscador que permite realizar buscas por texto libre ou por outros nove criterios (autoría, tema, escola ou material). A busca permite combinar varios destes criterios e, desde calquera das fichas, acceder ao conxunto de rexistros coas que esa obra comparte autoría, época ou colección.
Máis polo miúdo, a través de Explora a colección pódense consultar as 1.795 obras de Castelao que custodia o Museo, as 611 pezas da colección de cerámica de Sargadelos ou as 341 pezas de acibeche, por citar algúns exemplos.
Esta aplicación complétase con Atopo, a ferramenta da Deputación que entre outros, dá acceso aos fondos da biblioteca e do arquivo do Museo.
Engadir que esta nova sección concíbese como unha ferramenta en constante actualización, que se mellorará proximamente con novas funcionalidades e coa constante ampliación do número de rexistros visíbeis. Arestora amosa o 90% das máis de 28.000 obras rexistradas na colección de obxectos históricos e artísticos do Museo. Este número vaise ir incrementando paseniño, coa incorporación do resto de rexistros que forman parte xa da colección como de calquera nova incorporación.
Entre as funcionalidades previstas en vindeiras actualizacións está a achega de información de detalle sobre as obras, con ligazóns a documentación de carácter científico e divulgativo existente na web do Museo sobre esas pezas, a posibilidade de extraer informes en PDF a partir das buscas realizadas ou a suxestión de obras relacionadas que poidan interesar á persoa que fai a busca. As características da ferramenta de catalogación da que se toman os datos fai que actualmente parte do contido non estea dispoñíbel en galego, algo que tamén se solucionará en versións futuras da ferramenta.