O Museo de Pontevedra presenta un sistema de visitas virtuais

martes, 2 de agosto do 2022 S. P.

O Museo de Pontevedra presentou este 29 de agosto o seu novo sistema de visitas virtuais, unha solución que facilita “a máxima resolución posíbel das obras” e achega “unha tecnoloxía punteira que supón a estrea mundial das visitas temáticas en liña”, sinalou a Deputación de Pontevedra con motivo da inauguración do servizo, salientando o seu carácter pioneiro, xa que “este tipo de visitas nunca foran desenvolvidas con anterioridade malia que os paseos virtuais son algo xa habitual en pinacotecas como o Prado, Thyssen ou Versalles”.
Agora, grazas á tecnoloxía habilitada, “calquera persoa dende calquera recanto do mundo poderá visitar o Museo de Pontevedra, pasear polas súas salas sen estar fisicamente nelas e deterse nas pezas que máis lle interesen para coñecelas con profundidade”.
Na inauguración participaron o vicepresidente da Deputación e responsábel do Museo, César Mosquera, e máis o director do Museo Xosé Manuel Rey, que destacou que a transformación dixital supón un grande reto no que o Museo de Pontevedra está a dar pasos continuos que agora se potencian coa nova aplicación das visitas virtuais e a estrea da nova páxina web. “Ambas ferramentas abriranse ao uso público nos vindeiros días a falta de axustes finos”, sinalaron.
En canto ás visitas virtuais, Rey subliñou que trátase dun instrumento que permite un “salto moi grande” para o Museo porque estende os seus límites máis alá da súa presenza física. Destacou que a pandemia trouxo visitantes novos e externos que chegaron para quedarse, polo que é preciso “avanzar de maneira sostida na mellora das relacións a distancia en liña”.
Tamén explicaron que grazas ás visitas virtuais habilitaranse tres tipos de experiencias: unha visita virtual libre, cun tour de benvida a modo de mostra, que consiste en que a persoa usuaria poida moverse libremente por onde queira nos edificios Castelao e Sarmiento, ben indo de sala en sala e contemplando as pezas ou saltando de localización a través do mapa dispoñíbel; as visitas temáticas, unha técnica que se presenta por primeira vez a nivel mundial e que se basean en achegar itinerarios específicos, seleccionados de entre as coleccións do Museo; e por último as visitas virtuais, que permiten crear eventos para facer visitas en directo con persoas mediadoras-monitoras do Museo que van dirixindo os percorridos de maneira individualizada permitindo feedback das persoas asistentes.
O técnico da empresa Madpixel, responsábel do desenvolvemento da ferramenta, Iñaqui Arredondo, explicou que as visitas virtuais teñen resolución “xigapixel”. Cada un dos puntos de vista e os movementos son posiíbels porque cada “megaimaxe está formada cun mosaico de milleiros de fotografías. Ten a mellor calidade técnica do mundo”, comentou.
A nova web
Amais de todo o devandito, presentouse a nova web do Museo de Pontevedra, museo.depo.gal, un sitio en liña que é “froito dun intenso traballo de cooperación entre o persoal traballador do Museo e do Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, co obxectivo conxunto de mellorar a experiencia de uso, a navegación e a calidade de contidos para poñelos ao servizo da cidadanía”. O técnico provincial Rubén Gómez subliñou que o novo portal supón un redeseño estético integral, a reestruturación dos contidos e a implantación dunha nova tecnoloxía punteira, Liferay 7. “A nova versión”, dixo, “facilitará unha mellor experiencia a través de fluxos de traballo personalizados, permitindo a publicación dinámica ademáis dunha adaptabilidade a todos os dispositivos: computador, Smart TV, tabletas ou smartphones.
En canto ao deseño web destacan como principais novidades o redeseño minimalista e a facilidade de uso; a redución da carga visual; o enfoque cara a valorar o contido; a nova iconografía e simboloxía; e a accesibilidade e a funcionalidade en todos os navegadores.
En canto aos apartados, os principais son un xenérico de Museo, e outros de Visita, Colección, Exposicións, Actualidade, Educación, Biblioteca e Documentación.
Segundo Rey, “hoxe ningún museo carece de web en condicións, xa que é un dos principais elementos de comunicación: é onde din que son e que queren ser”, apuntou, para subliñar que será unha ferramenta fundamental no funcionamento diario do Museo, fronte á antiga páxina que tiña máis de 20 anos.

PUBLICIDADE