O Museo de Pontevedra publica na súa web un mapa interactivo sobre o SEG nas terras do Deza
martes, 5 de decembro do 2023
O
Museo de Pontevedra puxo na Rede, a disposición da cidadanía, as
transcricións dos cadernos de Xosé Filgueira Valverde e Sebastián
González García-Paz sobre o patrimonio artístico de 70 parroquias
de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Entre
a documentación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) que conserva o
Arquivo do Museo de Pontevedra atópanse varios cadernos e notas
soltas con apuntamentos recollidos por Xosé Filgueira Valverde e
Sebastián González García-Paz durante as xeiras de Deza, as saídas
conxuntas pola comarca que fixeron os membros do Seminario entre 1928
e 1935. A
transcrición destas anotacións está agora dispoñíbel para a
cidadanía nunha sección na web do Museo.
O
espazo web conta cun mapa interactivo a través do cal é posíbel
navegar polas 70 parroquias ás que se refiren as notas que se
conservan no museo. Son 47 de Lalín, 9 de Vila de Cruces, 6 de
Agolada, 5 de Rodeiro, 2 de Silleda e 1 de Dozón. Na páxina de
detalle de cada parroquia, atópase unha pequena introdución sobre o
paso dos membros do Seminario de Estudos Galegos, unha galería de
imaxes con fotografías e debuxos realizados polos seminaristas, e un
documento en PDF coa transcrición das notas de campo tomadas por
Filgueira e González.
O
contido do espazo web complétase cun buscador para acceder á base
de datos das transcricións e unha páxina de artigos relacionados co
Seminario de Estudos Galegos. Este repositorio, que segundo confirman
fontes do Museo “irá medrando nos próximos meses”, conta neste
momento cun artigo de María Jesús Fortes Alén sobre o “misterio”
da manipulación dunha das fotos máis coñecidas dos membros do
Seminario; dous estudos que acompañan a edición facsimilar de
Romance de unha fatal ocasión e Tibi Bastianus Imperator
Peruensis editada polo Museo; e un artigo coa transcrición, a
cargo de Eva Pena Rodríguez, das actas do SEG entre 1923 e 1926.
A
publicación deste espazo web forma parte da ampla programación coa
que o Museo de Pontevedra celebra o centenario do nacemento do
Seminario de Estudos Galegos. As actividades arrancaron en setembro,
cando se realizaron dúas saídas a castros de Silleda e Lalín e ao
mosteiro de Carboeiro, respectivamente, lembrando as xeiras á
comarca de Deza. En outubro, o Museo organizou unha xornada de
conferencias sobre o papel de Pontevedra e os pontevedreses dentro do
Seminario. Xa en novembro celebrouse unha xornada sobre o Corpus
Petroglyphorum Gallaeciae, de Ramón Sobrino Buhigas, obra de
referencia da arqueoloxía galega publicada polo SEG en 1935.
A
última acción conmemorativa foi a publicación en edición
facsimilar de dous romances inéditos de 1935: o Romance de unha
fatal ocasión, que os seminaristas dedicaron a Castelao, e o
Tibi Bastianus Imperator Peruensis, que dedicaron a Sebastián
González García-Paz.