O Museo de Tecnoloxía da Coruña amosa o libro electrónico dos anos cincuenta

venres, 27 de setembro do 2013 Redacción

O aparello didáctico nunha imaxe do MUNCYT

O Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña acolle estes días o que se considera o libro electrónico dos anos cincuenta, un prototipo patentado pola galega Ángela Ruiz e que, segundo nos conta o Consello da Cultura Galega nunha completa investigación sobre o trebello en cuestión, non chegou a comercializarse nunca por mor duns orzamentos escasos e dunhas opcións de viabilidade económica que paseniño fóronse esvaecendo. A creadora deste invento, coñecida como dona Angelita, obtivo a patente número 190 698 a favor dun procedemento mecánico, electrónico e empregábel mediante presión de aire para a lectura de libros, tamén chamado enciclopedia mecánica.
A súa arela, e así ficou reflectido, era a de incluír na aprendizaxe dos cativos elementos como a interactividade. Asemade, quixo aliviar o sufrimento dos cativos (que tiñan que cargar, como aínda hoxe, unha chea de libro nas súas mochilas) abranguendo diversos materiais de divulguación nunha única achega, a da súa enciclopedia mecánica. Así, o aparello de seu incluía cintas de texto e ilustracións que ían circulando por varios carretes: cada un deles unha materia.

PUBLICIDADE