O Museo do Castro de Viladonga dáse a coñecer ao detalle na Rede

martes, 5 de setembro do 2017 Redacción

O Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) vén de estrear presenza na Rede, viladonga.xunta.gal. Trátase dun portal que nos achega, entre outras cousas, a posibilidade de facermos unha visita virtual polas salas de exposición permanente e termos acceso ás pezas máis salientábeis da colección. Por certo que boa parte delas podemos velas en formato tridimensional e en movemento (foron tratadas mediante fotogrametría ou xiro 360 graos). Detrás destes traballos atópase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Consellería de Cultura e Educación. O seu obxectivo foi “enriquecer a experiencia da visita ao complexo, ofrecer información completa sobre os seus contidos e dar a coñecer o labor que vén realizando o museo”.
AMTEGA e Cultura salientan do portal (entre outras cousas) o seu deseño adaptábel e accesíbel e o seu apartado multimedia, con vídeos sobre a historia do castro, a súa contorna natural e as escavacións realizadas en anos previos. O material audiovisual complétase cunha galería fotográfica coas actividades do castro e co flora e fauna do mesmo.
O portal tamén inclúe un enlace que dá acceso ao catálogo dixital das coleccións do museo xestionado pola Xunta de Galicia, na Rede Dixital de Coleccións de Museos de España Rede Dixital de Coleccións de Museos de España (Ceres).
Sinalar que a web está feita para facilitar a navegación desde móbiles e tabletas, cun deseño responsive baseado en “estruturas e imaxes fluídas que se adaptan ao tamaño da pantalla desde a que se visita a páxina”, informan AMTEGA e Cultura e Educación.

PUBLICIDADE