O Museo do Pobo Galego convida ao CPEIG aos seus foros de reflexión

martes, 12 de setembro do 2017 Redacción

O Museo do Pobo Galego (MPG) está a organizar este ano un ciclo de foros para albiscarmos en clave colectiva o futuro da galeguidade. O ciclo O noso Pobo. De hoxe noutros corenta anos, actividade inserida na celebración das catro décadas de vida do MPG, pretende reflexionar sobre o tempo que vimos de deixar atrás (a que se cadra é a transformación económica, demográfica e social máis acelerada da historia de Galicia) para mostrar os vieiros que transitaremos no tempo vindeiro. Faise ademais dende diferentes ópticas, un total de catro sesións de debate e análise participativa: o xermolo do noso futuro chantado polo Estatuto dos Dezaseis (9 de maio), as perspectivas demográficas do noso pobo (29 de xuño), a nova economía do coñecemento e a ciencia (xoves 14 de setembro) e o futuro da sociedade do benestar nunha Galicia avellentada (26 de outubro).
Segundo informa o Museo, cada foro inclúe varios relatorios breves sobre as cuestións máis relevantes do tema proposto e un debate coa participación do público. A vindeira sesión (Unha nova economía para a Galicia do porvir na industria e nos servizos) celébrase esta mesma semana, o día 14. Contará coa presenza de Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Carme Pampín presidenta do Cúster das Ciencias da Vida (BIOGA), e Cesáreo González, secretario do Clúster do Turismo e presidente de FEGATUR. A sesión, que comeza ás 19.00 horas, estará moderada por Enrique Sáez Ponte, do Padroado do Museo do Pobo de Galicia.
Os porqués do ciclo
O ciclo quere fornecer de claves de futuro conmemorando e avaliando as transformacións que o noso pobo vén de deixar atrás (o porvir explicado en base ao presente e o pretérito), remontándose o espectro temático até 1977 (cando comezou a andaina do MPG coa arela de contribuír a un novo rexurdimento da nosa cultura e do noso pobo, “en tanto que suxeito senlleiro dunha historia de seu”). A través das xeiras previstas, o propósito do Padroado é “convidar á sociedade galega a albiscar como ha ser Galicia no futuro inmediato desde a reflexión sobre os cambios habidos nas últimas catro décadas”.
No plano que nos ocupa en Código Cero, o tecnolóxico-dixital baixo unha óptica galega, o fío temático TIC virá da man do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, esta mesma semana. A entrada é libre, polo que as persoas colexiadas están convidadas a asistir e participar coas súas preguntas.

PUBLICIDADE