O Museo do Videoxogo de Galicia inaugurou tenda propia

mércores, 30 de abril do 2025 S. P.

Xa está aquí a tenda do MUVi, o Museo do Videoxogo de Galicia con sede en Cangas. A Fundación MUVi concibiu o establecemento de venda como “un espazo para dar forma a propostas de deseño propias e á creatividade”, ao abeiro do compromiso da fundación por poñer en valor o sector cultural. Poderemos atopar, entre outros produtos, camisetas con deseños orixinais e únicos, producidas en Galicia e con algodón 100% de alta calidade e fabricación española.
Todo este material estará dispoñíbel no Museo do Videoxogo e nas citas con presencia física previstas no calendario do MUVi. Destaca a incorporación dunha liña exclusiva e solidaria: artigos confeccionados coa colaboración e o apoio de desenvolvedores e outros axentes clave da industria galega do videoxogo. A Fundación MUVI destinará o 100% destes ingresos a proxectos de investigación sobre o videoxogo galego.
Dende o Museo agradecen a colaboración de Iago Araújo Molina, Victor Justo, Álex González, Tucho Fernández e Martiño Figueroa (Madruga Works), José Luis González (SQR3Lab), Óscar Sebio (Pico Sacro Games) e Imaxin Software, entre outras/os profesionais, desenvolvedores, empresas ou entidades que “están por chegar sumando talento e ilusión a esta proposta”.