O Museo do Videoxogo estrea novo horario e máis novidades este verán
luns, 14 de xullo do 2025
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia anunciou a entrada en vigor do novo horario de verán do MUVI, que, segundo os seus responsables, “permitirá ao público gozar dunha experiencia máis flexible e adaptada ao lecer estival”. A partir do 19 de xullo o Museo de Cangas abrirá as súas portas todos os sábados en horario de mañá e de tarde, de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00. A decisión responde á vontade da Fundación de “continuar mellorando a accesibilidade do Museo, ofrecendo así máis oportunidades para a visita tanto da veciñanza como das persoas que escollan Cangas do Morrazo como destino turístico”.
Ademais, entre o 19 de xullo e o 31 de agosto o MUVI ofrecerá unha promoción exclusiva para os visitantes que acudan pola mañá: recibirán un bono desconto do 50% para realizar unha segunda visita ao longo do verán, que poderá efectuarse tanto pola mañá como pola tarde.
Máis tempo, contidos e accesibilidade
Xunto co horario e a promoción estivais, o MUVI tamén anuncia un novo desconto de 2€ na entrada para persoas que presenten o certificado de discapacidade, reforzando o seu compromiso coa accesibilidade. Ademais, os visitantes poderán gozar dunha mellora nos contidos grazas á incorporación de novos materiais que amplían a exposición, enriquecendo a experiencia xeral.
Estas accións son posibles grazas á colaboración do Sistema Galego de Centros Museísticos, cuxo apoio permite que o MUVI continúe a medrar como proxecto cultural aberto, inclusivo e en constante evolución, un obxectivo ao que tamén contribúen activamente a Fundación INTEGRA para a discapacidade intelectual, o Concello de Cangas e outras entidades e empresas asociadas co Museo.
Modalidades da visita
Acceso completo
- 8€ por persoa e quenda (mañá ou tarde) con acceso inmediato interactivo.
- Áreas visitables: Exposición Principal + Videoxogo Galego + Habitación da Memoria + Espazo de Experimentación + Salón Arcade.
- Acceso preferente ás visitas guiadas das 13:00h, 17:00h, 18:00h, 19:00h e 20:00h.
- Admisión ata peche.
Acceso gratuíto
- Acceso ás visitas guiadas da tarde (17:00h, 18:00h, 19:00h e 20:00h) condicionado á existencia de prazas libres nos grupos.
