O Nexus 7 comezará a venderse en España o 3 de setembro

venres, 24 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O agardado tablet de Google, o Nexus 7, está xa á venda en varios países como EE.UU. e Reino Unido, agardándose a súa chegada a España durante o mes de setembro a un prezo oficial de a partir de 199 euros, pero sen unha data de lanzamento oficial, que polo que podemos saber a través de páxinas web que xa permiten a súa reserva sería tan cedo como o día 3, o que agradecerán os que desexen adquirir un tablet con Android de tamaño reducido e grande potencia a un prezo axustado de cara á volta ao cole.
O Nexus 7 chegará en 2 versións segundo a súa capacidade de almacenamento interno, que sería de 8 ou 16 Gb, de xeito que tería prezos de 199 e 249 euros respectivamente, incluíndo en ambos casos un cupón de 20 euros para gastar en Google Play.
Este novo tablet é moi superior á meirande de dispositivos con Android que hai actualmente no mercado, tanto pola súa pantalla (que pese a ser de 7 polgadas ten unha resolución de 1.280 x 800 píxeles, panel IPS e protección contra rabuñaduras) como polo seu procesador (nVIDIA Tegra 3 de 4 núcleos). Tamén conta con 1 Gb de RAM, cámara para videoconferencias de 1,2 Mpíxeles, micro USB, NFC, Wi-Fi N, Bluetooth e GPS, conxunto de tecnoloxías que poucas veces vemos nun único trebello, que para rematar de completarse, inclúe o sistema operativo Android 4.1. A súa batería de 4.325 mAh permítelle unha autonomía dunhas 10 horas navegando pola web ou 9 horas reproducindo vídeo en alta definición. Mide 198,5 x 120 x 10,45 milímetros e pesa 340 gramos, polo que resulta ideal para o seu uso en mobilidade.

PUBLICIDADE