O Nintendo Switch Tour visitará Vilagarcía de Arousa en agosto

mércores, 28 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Un ano máis Nintendo quere aproveitar a tempada estival para dar a coñecer a súa proposta de lecer electrónico por toda a xeografía española a través do Nintendo Switch Tour, evento que visitará unha ducia de localidade nas que os asistentes poderán probar de balde uns vinte xogos entre os que figuran Mario Kart 8 Deluxe, Pikmin 4, Everybody 1-2-Switch!, Nintendo Switch Sports, Super Mario 3D World...
A xira española botará a andar o 1 de xullo en Santiago de la Ribera (Murcia), recalando en Galicia do 21 ao 23 de agosto, concretamente na Praza da II República de Vilagarcía de Arousa, onde instalarán as súas carpas para que os xogadores máis expertos poidan gozar de títulos como Metroid Prime e The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom, mentres que os menos afeitos poderán botar un ollo a Super Mario Party, Splatoon 3 ou a Pokémon. Unha boa actividade para probar en primeira persoa os xogos máis representativos de Nintendo Switch, para facilitar a decisión de compra (tanto da consola como dos seus xogos).