O Nodo CIBER.gal promove a ciberseguridade nas empresas galegas

martes, 1 de abril do 2025 Redacción

O Nodo CIBER.gal anunciou a posta en marcha dun ciclo de actividades de sensibilización e capacitación dirixidas ao tecido empresarial de Galicia, que é o resultado da implicación de máis de 30 entidades ligadas a esta estrutura de colaboración público-privada promovida pola Xunta de Galicia.
O ciclo, que desenvolverá unhas 20 actividades ata xuño deste ano, foi deseñado polo grupo de traballo de Empresas do Nodo co obxectivo de consolidar a Galicia como un referente en ciberseguridade e garantir unha contorna dixital segura, e poderá coñecerse a súa programación a través da páxina web Ciber Seguridade Galicia.
As actividades centraranse en sensibilizar e capacitar ás empresas de Galicia en prácticas e coñecementos sobre a materia, ademais de ofrecer un ámbito de colaboración e de acceso a recursos chave que permitan ás empresas mellorar as súas capacidades fronte a ameazas. Estas actuacións centraranse en cinco áreas: obradoiros prácticos sobre ciberseguridade; cesión de ferramentas e recursos de valor; consulta a expertos en seguridade dixital; xeración de coñecemento e almacenamento de documentación especializada; e creación de pílulas formativas adaptadas ás necesidades das empresas.