O Nodo GalicIA dá novos pasos na elaboración da candidatura galega para acoller a axencia AESIA
martes, 26 de xullo do 2022
A
Comisión de Seguimento do Nodo galicIA (o nodo galego de
Intelixencia Artificial) reuniuse a pasada semana para avanzar
na elaboración dun documento que avale a candidatura galega para
acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia
Artificial (AESIA). Segundo fixeron saber os responsábeis do
Nodo, a previsión é que neste últimos días de xullo o Goberno de
España arrinque o proceso para a selección da sede desta axencia de
nova creación.
Na
reunión participaron, por parte da Xunta de Galicia, representantes
da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e
Innovación e das consellerías de Facenda e Administración Pública;
Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e
Sanidade. Asistiron tamén representantes das tres universidades
públicas do Sistema Universitario de Galicia e da Agrupación
Europea de Cooperación Territorial Galicia – Norte de Portugal
(GNP-AETC).
Todas
e todos coincidiron en salientar “a boa posición de Galicia”
para acoller a AESIA en aspectos diferenciais como “o de apostar
por un espazo de colaboración transfronteirizo no marco da
Eurorexión, contar cunha lingua propia e dispoñer dun ecosistema
dixital dinámico e en crecemento, que actúa como denominador común
da transformación dixital da economía e da sociedade galega”.
Na
sesión destacouse tamén que os parámetros sociodemográficos de
Galicia sitúan a esta Comunidade como territorio “prioritario”
no marco dos obxectivos políticos do proceso de descentralización
impulsado polo Goberno de España para a vertebración do territorio,
un proceso que dá prioridade aos territorios nos que é preciso
atraer talento novo e favorecer o crecemento demográfico (na
xuntanza lembrouse, neste senso, que a porcentaxe de persoas maiores
de 65 anos en Galicia é dun 26,09%, o que sitúa á nosa Comunidade
entre as tres máis envellecidas de España, onde a media é do
20,09%).
Os
asistentes destacaron tamén o feito de que Galicia non acolla a sede
de ningunha axencia estatal, outro dos aspectos que serán tidos en
conta para as novas asignacións.
En
canto ao proceso de especialización de Galicia, o documento destaca
as iniciativas da Comunidade en canto á transformación dixital a
través da Estratexia Galicia Dixital e Estratexia Galega de
Intelixencia Artificial (EGIA) ou a posta en marcha do Marco Galego
de Competencias Dixitais. Galicia está, neste sentido, nunha
posición de vangarda, ao ter afrontado retos como o estudo sobre o
marco ético e normativo para as tecnoloxías intelixentes ou o
proxecto Nós para situar á lingua galega nas linguaxes e contornas
dixitais.
O
documento destaca a xeración de coñecemento en Galicia en torno á
Intelixencia Artificial a través de centros singulares de
investigación; así como o carácter robusto do ecosistema TIC.
Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as
capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a
120.000 persoas, o que representa o 10% do emprego de Galicia. O
sector tecnolóxico conta na nosa Comunidade con 2.961 empresas que
xeran un volume de negocio de 2.908 millóns de euros. Ademais, o
sector creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% más que el
año anterior, e o maior incremento dos últimos cinco anos ata
acadar a cifra de 20.740 empregados.
Sinalar
tamén que a Comisión de Seguimento do Nodo GalicIA comprometeuse a
avanzar nas vindeiras semanas na proposta de valor da candidatura
galega agardando que a convocatoria para a presentación das
candidaturas, incluíndo os criterios específicos que se terán en
conta e que se publicarán en breve, tal como foi comunicado dende o
Ministerio de Economía e Transformación Dixital co obxectivo de
tela ultimada en setembro.