O Nodo de Ciberseguridade fomenta o hábito da protección en liña cun concurso para escolares

venres, 22 de outubro do 2021 S. P.

O Nodo de Ciberseguridade de Galicia, promovido pola axencia autonómica AMTEGA vén de convocar un concurso dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO co obxectivo de “concienciar as persoas menores sobre os riscos aos se enfrontan no uso de tecnoloxías dixitais”.
Sobre os porqués desta iniciativa, AMTEGA lembra que o problema dos ciberdelitos é un problema en auxe que adquiriu aínda máis presenza coa chegada da pandemia, polo que cómpre que poñamos en xogo recursos para incrementar a nosa protección dixital, facendo fincapé nas novas xeracións.
A axencia recorda que Galicia sitúase na sétima posición das autonomías mais afectadas polos ciberdelitos, e A Coruña e Pontevedra están entre as vinte provincias nacionais onde mais feitos cibercriminais se denunciaron. Amais, apunta a entidade autonómica, “o perfil das vítimas non deixa de lado aos menores de idade, e de feito estímase que un total de 3.427 ciberdelitos foron dirixidos a este colectivo en España”. Os delitos sexuais a través do uso das tecnoloxías dixitais e as ameazas e coaccións son os grupos penais que encabezan a tipoloxía de ciberdelitos denunciados dirixidos aos menores.
Para afrontar esta situación, a Xunta de Galicia promoveu a creación do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade fundada pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), as catro deputacións galegas, a FEGAMP, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e o Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Un dos obxectivos fundamentais deste nodo é “concienciar sobre a importancia da ciberseguridade, motivo polo que organiza o Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal os días 10 e 11 de novembro de 2021 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela”.
Neste encontro, ademais doutras actividades destinadas tanto ao tecido empresarial como á cidadanía e á administración pública que se poden consultar no programa, celébrase o Concurso Ciberseguridade no cole!, co obxectivo principal de “sensibilizar ao alumnado sobre os riscos aos que se enfrontan cando empregan os medios dixitais”. Esta iniciativa foi promovida por Telefónica no marco deste encontro. O concurso conta cunha fase clasificatoria en liña e unha final presencial, e para participar é preciso inscribirse neste formulario antes o 29 de outubro ás 12:00h.

PUBLICIDADE