O Nokia 2 custará 99 euros e terá unha autonomía de 2 días

martes, 31 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A volta ao mercado da marca de móbiles Nokia non está a resultar doada, e HMD Global busca agora chegar a usuarios pouco esixentes pero que queiran un teléfono con boa autonomía, de aí que presenten o seu novo Nokia 2, un terminal que para un uso moderado podería ter unha autonomía de até 2 días, buscando así que satisfacer a usuarios que buscan dispositivos cunha boa fabricación e un prezo contido.
O Nokia 2 é un terminal con pantalla de alta definición de 5 polgadas con protección Corning Gorilla Glass 3, procesador Qualcomm Snapdragon 212, 1 GB de RAM, 8 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB), cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, radio FM, batería de 4.100 mAh recargable por microUSB, un grosor de 9,3 milímetros e un corpo de policarbonato protexido por un marco de aluminio.
O terminal chegará con Android 7.1.1 sen capas de personalización (e con Asistente de Google), aínda que actualizarase a Android 8 e contará con actualizacións de seguridade mensuais, o que é un dos puntos fortes dos móbiles de Nokia. Venderase en tres cores distintas (peltre/negro, peltre/branco, cobre/negro) e o seu prezo medio será de 99 euros.

PUBLICIDADE