O Nokia 5800 XpressMusic preséntase unha atractiva alternativa ao iPhone

xoves, 2 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Hai un ano xa se avanzaba o que sería a resposta de Nokia ao iPhone de Apple, e finalmente parece converterse en realidade o terminal que se viña a chamar Nokia Tube, e que sería o que estrease o sistema operativo Symbian S60 con pantalla táctil, aínda que o seu nome comercial é Nokia 5800 XpressMusic, para reflectir que se trata dun móbil centrado na reprodución musical.

O Nokia 5800 XpressMusic ten unha interface de uso moi coidada, que na súa pantalla de inicio xa amosa a Media Bar na súa parte superior (con acceso a música, imaxes e vídeo e á Nokia Music Store) e a Contacts Bar, que nos presenta os nosos 4 contactos principais e as comunicacións que mantivemos cos mesmos (mensaxes de texto, chamadas…). Un curioso xeito de mesturar a reprodución multimedia coa comunicación humana.

Este terminal tamén é o que se encarga de inaugurar o servizo Comes With Music, que permite acceder durante un ano de xeito ilimitado ao catálogo completo da Nokia Music Store. Tamén está pensado para compartir contidos a través da Internet, permite ver webs completas e incluso soporta contidos en Flash.

Para o almacenamento de música contamos cunha tarxeta microSD de 8 Gb incluída (coa posibilidade de adquirir unha de 16 Gb) e aínda que o móbil conta cuns altofalantes estéreo, tamén é compatible con auriculares con conector estándar de 3,5 milímetros ou a través de Bluetooth 2.0 con A2DP.

O Nokia 5800 XpressMusic chegará ao mercado cun prezo moi axustado

O terminal conta cunha pantalla táctil panorámica de 3,2 polgadas e unha resolución de 640 x 360 píxeles (mellorando os 480 x 320 píxeles do iPhone) ideal para ver vídeos e fotografías, cámara de 3,2 Mpíxeles con lente Carl Zeiss, flash de dobre LED e gravación de vídeo, Wi-Fi, UMTS, HSDPA, GPS asistindo con Nokia Maps e navegación guiada por voz.

Mide 111 x 51,7 x 15,5 milímetros, pesa 109 gramos e conta cunha autonomía de ata 9 horas en conversa, 17 días en espera, 35 horas de reprodución e 5 horas de reprodución de vídeo.

Para rematar de redondear o este completo móbil, que sairá á venda no último trimestre do ano (posiblemente o 1 de decembro) o seu prezo non será moi elevado, posto que o custará 279 euros sen subvencionar (polo que é de agardar que se poida adquirir a prezos moi competitivos).

Vídeo de presentación das características do novo móbil de Nokia


Ficha técnica do Nokia 5800 XpressMusic