O Nokia Guru podería facilitar a reprodución musical mediante Bluetooth e NFC

luns, 21 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A poucas horas da celebración do Nokia World en Abu Dhabi, fíltrase unha imaxe do que dan en chamar Nokia Guru, e que sería algo semellante a un reprodutor multimedia iPod shuffle, pero con NFC, o que podería ser un receptor musical sen fíos pensado para operar cos smartphones Nokia Lumia dun xeito doado, pois poderían enlazarse cos móbiles con só entrar en contacto cos mesmos.
Este accesorio musical podería servir para levar enriba durante a práctica deportiva, podendo ter o móbil nun peto ou nunha riñoneira sen a incomodidade que supoñen outras solucións como brazaletes para ter o terminal preto da cabeza e facilitar así o uso de auriculares.
Nokia xa tiña no seu catálogo receptores Bluetooth para auriculares, como o BH-214 ou o BH-111, que hai tempo que foron esquecidos pola compañía, polo que con este novo accesorio podería recuperarse este concepto potenciándoo coas posibilidades que abre a tecnoloxía NFC e adoptando as cores características da familia Lumia.

PUBLICIDADE