O Nokia Lumia 1020 reinventa o zoom coa súa cámara de 41 Mpíxeles

xoves, 11 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Nokia organizou hoxe un evento en New York para facer oficial o seu moi rumoreado Nokia Lumia 1020, un novo smartphone con Windows Phone 8 que destaca sobre todo o que puidemos ver no mercado ata o momento por integrar unha incrible cámara cun sensor de 41 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe, conseguindo un nivel de detalle nunca visto na cámara dun móbil.
A nova cámara con óptica Zeiss, en vez de contar cun voluminoso zoom óptico, incorpora unha resolución realmente esaxerada para reinventar o zoom, permitindo capturar detalles dunha imaxe sen ter que achegar a cámara ou realizar ampliacións, á vez que as fotografías tamén gañan nitidez e definición. A cámara do Lumia 1020 fai posible que capturemos un momento para despois poder reencadralo facendo uso da aplicación Nokia Pro Camera, que integra varias funcións para poder tirar boas fotografías de xeito doado (gozando dun sistema de axustes mediante diais moi sinxelo e áxil).
Cando tiremos unha fotografía coa cámara do Nokia Lumia 1020, realmente traballaremos con 2 imaxes: unha fotografía de resolución completa (41 Mpíxeles) que poderemos encadrar cando queiramos, e unha imaxe de 5 Mpíxeles que poderemos subir automaticamente a SkyDrive ou compartir nas redes sociais con facilidade.
Como xa acontece cos móbiles da serie 92x, o Lumia 1020 conta cun sistema de estabilización óptico de imaxe que consegue tanto boas instantáneas con pouca luz como unhas gravacións de vídeo pouco movidas, elementos que xunto co flash de xenon incorporado conforman unha cámara sen igual (da que podemos ver varios exemplos de imaxes publicados por Nokia, cun peso de 13 Mbytes cada unha).
Tamén é interesante o sistema de micrófonos integrados no dispositivo, que son capaces de soportar uns niveis de volume 6 veces superiores aos dos micrófonos presentes na meirande parte dos móbiles, o que permite que poidamos gravar festas e concertos sen que o son estea totalmente distorsionado.
Está previsto que o Nokia Lumia 1020 (en branco, negro e amarelo) chegue ao mercado estadounidense o vindeiro día 26 a un prezo de 299,99 dólares cun contrato coa operadora AT&T, chegando antes de rematar o mes de setembro a España, onde espérase que Telefónica poña á venda un modelo exclusivo (posiblemente con 64 Gb de almacenamento interno fronte aos 32 Gb que ten o modelo estándar).
Na meirande parte de prestacións o Lumia 1020 segue na liña da familia 92x, cunha pantalla AMOLED de 4,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1,5 GHz, carga sen fíos (mediante funda externa, como o Lumia 925), NFC, Bluetooth 3.0, batería de 2.000 mAh... aínda que tivo que incorporar 2 Gb de RAM (algo inédito en dispositivos con Windows Phone 8, pero entendemos que é unha esixencia para poder traballar con imaxes de grande tamaño). O seu grosor é de 10,4 milímetros e o seu peso de 158 gramos.
Para completar este produto Nokia vai pór á venda por 79 dólares un accesorio multipropósito chamado Nokia Camera Grip, que é unha especie de funda para o móbil que dálle a forma dunha cámara dixital compacta, para facilitar o disparo de fotografías incluso cunha única man. Tamén integra unha batería de 1.020 mAh (que axuda a incrementar a autonomía do móbil) e un conector para poder empregar un trípode fotográfico co Lumia 1020.


Vídeo de presentación do Nokia Lumia 1020

PUBLICIDADE