O Nokia Lumia 525 chega á gama baixa de Windows Phone 8 con 1 Gb de RAM

mércores, 27 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A páxina web de Nokia e a súa canle de YouTube sorprenderon nas últimas horas, sen anuncio previo da compañía finlandesa, cun novo smartphone, o Nokia Lumia 525, que vén a ser unha revisión do Lumia 520 (smartphone que conseguiu colocar a Windows Phone como segunda plataforma móbil nalgúns países de América latina e Europa grazas a achegar unha boa experiencia de uso por un prezo axustado) que corrixe a súa principal carencia ao elevar a súa RAM ata 1 Gb. E parece que este dispositivo vai manter o seu prezo agresivo, xa que dende Singapur adianta que vai venderse a 249 dólares de Singapur (146 euros) a partir do 14 de decembro.
O Nokia Lumia 525 é un dispositivo con pantalla IPS táctil super sensitiva (podemos empregala coas luvas postas) de 4 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámara de 5 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 1.430 mAh, un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 124 gramos, que ten moitas bazas para repetir o éxito comercial do seu predecesor.


Vídeo de presentación do Nokia Lumia 525

PUBLICIDADE