O Nokia N810 incorporará un teclado QWERTY

mércores, 17 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O Nokia N800 é o segundo terminal da compañía finlandesa en abrazar o concepto de Internet Tablet, ou dispositivo de man para navegar pola web, e que conta con conectividade Wi-Fi e Bluetooth, aínda que XOHM (Sprint) tamén quere que o adapten para o seu uso con WiMAX para empregalo na súa futura infraestrutura de conexións sen fíos en EE.UU. Este dispositivo se basea nunha pantalla táctil, pero dende Nokia quixeron mellorar as súas posibilidade co modelo N810, que incorpora un teclado QWERTY deslizante, o que fai máis doado o seu uso para escribir correos electrónicos, textos extensos ou mesmo comentarios en blogs.
Polo momento non se sabe se haberá tamén unha versión WiMAX do N800, pero polo momento o que sabemos é que este novo terminal mellora o brillo da súa pantalla un 20%, a súa velocidade de proceso, a súa memoria interna, a súa autonomía e mesmo incorporará GPS, pasando a venderse en novembro nos EE.UU. a un prezo de 479 dolares.
Este tipo de terminais destaca por contar cunha pantalla de resolución WVGA (800 x 480), o que permite unha lectura correcta da meirande parte das páxinas web, e ó ter unha interface baseada en Linux fixo máis doado que adaptase (aínda en fase de probas) no navegador de Mozilla a estes trebellos que poden así achegarse a webs que fan un uso intensivo de AJAX (coma Google Reader ou Gmail).

PUBLICIDADE