O Nokia N82 integra nun elegante móbil unha cámara de 5 Mpíxeles e conectividade HSDPA, Wi-Fi e Bluetooth

mércores, 14 de novembro do 2007 Marcus Fernández

Nokia presentou oficialmente o seu terminal N82 que se sitúa no mercado coma un dos modelos máis atractivos ó combinar á perfección capacidades multimedia con conectividade 3G, xunto con outras prestacións que o fan rivalizar co móbil estrela da tempada: o Nokia N95.
O Nokia N82 soporte HSDPA (3G) para conectarse á Internet a grande velocidade, conta cunha cámara de 5 Mpíxeles con Flash incorporado e óptica Carl Zeiss, dispón de Wi-Fi, Bluetooth (con soporte A2DP, ou sexa, estéreo sen fíos), GPS, unha pantalla de 2,4 polgadas cunha resolución de 320x240 píxeles, conector para auriculares, interface microUSB (actual estándar para móbiles) e lector de tarxetas microSD para o almacenamento de contidos multimedia.
O novo terminal da serie N fai uso do sistema operativo S60 na súa terceira edición, detectando a disposición do móbil para rotar a súa pantalla segundo sexa preciso e tamén poderá acceder ós xogos que Nokia comercializará a través da súa plataforma Obi.
O prezo de venda deste elegante e completo móbil é de 450 euros, que como vén a ser habitual, é unha cantidade que se pode reducir considerablemente ó entrar en xogo as subvencións das operadoras de telefonía móbil.

PUBLICIDADE