O OSIMGA analizará o nivel de dixitalización das persoas maiores e o uso do galego nas TIC

luns, 19 de xuño do 2023 Redacción

O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) celebrou o seu pleno anual, onde se deu a coñecer o plan de traballo para esta anualidade, que inclúe dous novos estudos sobre a dixitalización das persoas maiores e uso do galego no eido dixital. O pleno, presidido polo director da AMTEGA, Julián Cerviño, deu conta tamén dos avances impulsados tras os dous primeiros anos de desenvolvemento da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD 2030) para a transformación dixital da comunidade.

Novos informes

No plan de traballo 2023 o OSIMGA comprométese a publicar dous novos informes: Seniors dixitais e O uso do galego nas TIC, do que o IGE realizará a recollida de datos en 2023 e permitirá ao Observatorio elaborar o informe no ano seguinte.
Algúns informes temáticos que se estaban a elaborar de forma puntual, pasarán a partir deste ano a ser periódicos. Trátase dos informes Rapaciñ@s dixitais, Competencias dixitais da poboación galega, Talento dixital, traxectoria laboral dos perfís STEM en Galicia, Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia e Tecnoloxías disruptivas nas empresas TIC de Galicia.
Ademais, no pleno anunciouse a renovación do proxecto técnico do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información, que serve para seleccionar e difundir periodicamente novos datos estatísticos sobre a dixitalización da sociedade galega. Tamén se despregarán novas ferramentas de comunicación dos datos mediante un cadro de mando interactivo de consulta de indicadores e a elaboración de vídeos divulgativos propios.
No pleno presentouse, tamén, o balance do compromisos adquiridos en 2022, como a realización dunha nova edición de estudos como As Competencias Dixitais da Poboación Galega, Galicia Dixital: Tecnoloxías Disruptivas nas empresas, o informe Rapaciñ@s Dixitais e o informe Talento dixital: evolución da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia. Así mesmo cumpriuse o compromiso de elaborar o primeiro informe sobre Tecnoloxías disruptivas no sector TIC de Galicia. Por último, executáronse as colaboracións previstas con Ciber.gal e o Consello Galego das Mulleres na realización dos respectivos estudos sobre ciberseguridade en Galicia e sobre a relación das galegas coas TIC.

Dous anos da Estratexia Galicia Dixital 2030

A sesión plenaria acolleu, ademais, a presentación do balance de actuacións dos dous primeiros anos da Estratexia Galicia Dixital 2030, afondando nas principais medidas postas en marcha no eido dos sete eixes estratéxicos que constitúen a folla de ruta para a transformación dixital de Galicia.
Nestes dous anos deuse continuidade ás actuacións enfocadas a consolidar unha administración intelixente e a prestación de servizos públicos dixitais; a fomentar a educación, capacitación e talento dixital da cidadanía; a impulsar a economía dixital para un territorio intelixente; e ao fortalecemento do ecosistema dixital e da especialización tecnolóxica de Galicia.