O OSIMGA confirma o crecemento sostido no uso das tecnoloxías cara a súa universalización en Galicia
xoves, 31 de xullo do 2025
O Observatorio da Sociedade da Información e Modernización en Galicia (OSIMGA), dependente da axencia autonómica AMTEGA, presentou esta semana a súa memoria anual. No informe faise saber que “os principais indicadores sobre a evolución do desenvolvemento e uso das tecnoloxías en Galicia manteñen unha tendencia de crecemento cara á súa universalización”.
O OSIMGA puxo en marcha en 2024 unha nova ferramenta de acceso público que emprega tecnoloxía de Intelixencia de Negocios (Business Inteligence – BI) na que se pode consultar a evolución dos principais indicadores sobre cidadanía, empresas, sector tecnolóxico e Administración. Os indicadores chave deste cadro de mandos son os que mostran esta tendencia cara á universalización da sociedade da información, engade o observatorio.
Seguindo este fío, sinálase que máis do 95% dos fogares contan con Internet contratado e o 65% dispoñen de velocidade de conexión superior aos 100 Mbps. As persoas que declaran usar Internet son máis do 93%. O Observatorio tamén salienta o feito de que “máis do 86% destas persoas empregan Internet para facer trámites coas Administracións Públicas”. Este dato, correspondente á última enquisa de 2024, indica “un crecemento de máis dun 1,5% con respecto á enquisa anterior de 2023”.
Na memoria tamén se pon foco no significativo avance no número de persoas empregadas en empresas tecnolóxicas, que medrou un 2,3% ata acadar as 23.467. Todos os datos do sistema de indicadores poden consultarse na web de OSIMGA.
En 2024, o Observatorio analizou 975 indicadores procedentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), o Instituto Galego de Estatística (IGE), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, así como datos propios. Con esta información elaborou e publicou 42 informes, que tamén poden ser consultados na web do Observatorio, que lembra que máis de 3.000 persoas fan un seguimento permanente dos datos proporcionados polo OSIMGA a través dun boletín electrónico.
O organismo dependente de AMTEGA tamén destaca que entre as súas principais novidades en 2024 estiveron a edición dun informe sobre o uso do galego nas TIC, así como estudos temáticos sobre o uso das tecnoloxías por parte das persoas maiores de 64 anos; o uso das TIC na infancia e mocidade; ou unha análise específica sobre o uso de tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia.
Ademais da colaboración coas institucións oficiais de estatística, o OSIMGA mantén acordos con entidades como Red.es, Telefónica, a Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, o Consello Galego das Mulleres, o Observatorio das Administracións Electrónicas das Comunidades Autónomas ou as universidades de Vigo e A Coruña, entre outras.
