O Obradoiro acolleu a presentación da primeira serie transmedia sobre o Camiño

martes, 25 de xuño do 2019 Redacción

A praza do Obradoiro acolleu hoxe a presentación da nova (e innovadora) contribución audiovisual do selo galego Ficción. Trátase de 3Camiños, que sería, en palabras dos seus creadores, “a primeira serie de TV internacional e transmedia sobre o Camiño de Santiago”. Na cita participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e os produtores executivos de Ficción e autores da idea orixinal, Mamen Quintas e Julio Casal. Segundo fixeron saber, trátase dunha historia que reflicte as experiencias compartidas no tempo por cinco mozos peregrinos doutros tantos países. Conta cunha achega de máis de 1,5 millóns de euros por parte da Xunta.
Na presentación, celebrada na terraza do Hotel dos Reis Católicos, tamén participaron o realizador galego Norberto López Amado (quen co-dirixirá a serie xunto ao alemán Gregor Schnitzler) e os representantes dos dous socios internacionais cos que xa conta o proxecto: Ricardo Carbonero, xefe de adquisición de contidos de Amazon Prime Vídeo en España, e Christian Gockel, vicepresidente executivo de vendas e adquisicións internacionais do grupo alemán Beta Films, segundo fixeron saber dende Ficción e a Consellería “un dos máis importantes en distribución e produción a nivel europeo”.
Como explicou Román Rodríguez, ademais de Amazon Prime Vídeo e Beta Films, 3Camiños conta con co-produtores internacionais en Italia, Corea do Sur, México e Chile, países nos que está garantida a emisión desta serie a partir da súa estrea a finais de 2020. O titular de Cultura salientou o papel de embaixadora que ostentará a serie: “Será unha inmellorable plataforma de expansión para o talento galego, coa implicación de medio cento de profesionais do noso sector audiovisual, entre os que figuran, por exemplo, Manu Riveiro e Iván Ferreiro na banda sonora”. Tamén informou de que se vai rodar en seis idiomas (galego, español, inglés, francés, alemán e coreano) e en cinco países de tres continentes.
A gravación dará comezo en novembro deste ano e estenderase durante oito meses, trasladándose tamén aos países de orixe dos protagonistas: ademais de España, Alemaña, Corea do Sur, Francia e México. A serie 3Camiños contará cunha gran campaña transmedia, elaborada especificamente por Fluor Lifestyle, recoñecida en 2018 como Mellor Axencia Independente de Innovación de España no Festival Iberoamericano de Creatividade e Estratexia. A súa implicación neste proxecto sumará esforzos na proxección exterior da imaxe de Galicia, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21.

PUBLICIDADE