O Observatorio Nacional de Educación Dixital premia o Proxecto E-Dixgal no seu X Aniversario

mércores, 1 de outubro do 2025 S. P.

O Observatorio Nacional de Educación Dixital (ONED) recoñeceu co seu premio ao Proxecto E-Dixgal, promovido pola Xunta a través da Consellería de Cultura e Educación e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), coincidindo co décimo aniversario da súa posta en marcha.
A entrega do galardón celebrouse o martes 30 de setembro no Museo Carmen Thyssen de Málaga, no marco da xornada Desafíos autonómicos na dixitalización educativa. Neste encontro, representantes de diferentes comunidades autónomas, institucións e especialistas abordaron experiencias e reflexións sobre os retos actuais e futuros da educación dixital.
En representación de Galicia asistiron o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o xerente de Proxectos de Educación da área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA, Manuel Ángel García.
Este evento naceu co obxectivo de “ofrecer un espazo de diálogo e colaboración que permita avanzar na mellora da calidade e na innovación dos sistemas educativos, tendo en conta as necesidades dunha sociedade cada vez máis dixitalizada e global”.
Para a Xunta, “o recoñecemento ao Proxecto E-Dixgal pon de relevo o traballo desenvolvido desde Galicia na última década para integrar os recursos tecnolóxicos nas aulas e favorecer un modelo de ensino híbrido adaptado ás esixencias do século XXI”.
No transcurso da xornada, o xerente de Proxectos de Educación Manuel Ángel García participou na sesión baixo o lema Retos e propostas de acción dos grupos de expertos do ONED, na que se abordaron cuestións especialmente relevantes na actualidade, como a xestión do uso das pantallas na aula, o desenvolvemento da competencia dixital de docentes e alumnado, así como os criterios de avaliación e selección de recursos dixitais que aseguren a súa calidade e adecuación ao proceso de ensino-aprendizaxe.
Con este premio, o ONED quere destacar a traxectoria de E-Dixgal como “exemplo dunha política pública sostida no tempo, que contribúe a transformar a realidade das aulas galegas”.
Engadiu o observatorio que “o programa non só impulsa a incorporación das tecnoloxías nos centros educativos, senón que tamén garante un acceso máis igualitario á aprendizaxe dixital, promovendo unha metodoloxía innovadora baseada na interactividade, a personalización e a inclusión, e fomentando tanto novas dinámicas de traballo nos centros educativos como a actualización permanente do profesorado e a participación activa das familias no proceso educativo”.