O OnePlus 11 5G chegará a España a finais de mes

mércores, 8 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A primeiros de ano chegou ao mercado chinés o smartphone OnePlus 11 como un dispositivo con prestacións de gama alta e un prezo bastante axustado, e finalmente o fabricante chinés vai traelo a España o vindeiro 24 de febreiro, aínda que a uns prezos moito menos axustados, xa que o OnePlus 11 5G con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento terá un prezo de 849 euros, e o modelo con 16 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custará 919 euros. Amais, os usuarios que o adquiran anticipadamente poderán recibir sen custo adicional uns auriculares OnePlus Buds Pro 2 ou, no caso do modelo con 256 GB de almacenamento, un altofalante sen fíos B&O Beosound A1 de segunda xeración.
Lembremos que o OnePlus 11 5G é un smartphone cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2 que completa a súa proposta de calidade cunha cámara Hasselblad de 3ª xeración (polo que permite captar imaxes de grande calidade sen ter que superar a barreira dos mil euros), pantalla AMOLED QuadHD+ de 6,7 polgadas cun refresco de 120 Hz e unha batería de 5.000 mAh con carga rápida de 100 watts. Un teléfono que está na liña de moitos smartphones de alta gama que custan varios centos de euros máis, aínda que cómpre lembrar que os produtos de OnePlus tenden a reducir considerablemente o seu prezo, especialmente de adquirirse a través de plataformas como AliExpress (onde actualmente podemos atopar o OnePlus 10T por menos de 500 euros).

PUBLICIDADE