O OnePlus 15 abre as súas reservas na China

luns, 27 de outubro do 2025 Redacción

Mentres agardamos ao seu lanzamento global, o OnePlus 15 chega ao mercado chinés cunha impresionante batería de dobre cela con capacidade efectiva de 7 300 mAh, a maior vista nun smartphone da marca, combinada con carga rápida de 120 watts e carga sen fíos de 50 watts. A pantalla AMOLED de 6.78 polgadas ofrece resolución Full HD+ (2 772 x 1 272 píxeles), refresco variable entre 1 Hz e 165 Hz, e brillo máximo de 1 800 nits. En canto á seguridade, incorpora lector de impresións dixitais ultrasónico baixo pantalla e recoñecemento facial.
O procesador é o Snapdragon 8 Elite Gen 5. Acompáñano memorias LPDDR5X e almacenamento UFS 4.1. A conectividade inclúe Wi-Fi 7, Bluetooth LDAC/aptX Adaptive, NFC, así como compatibilidade con redes 5G.
No apartado fotográfico, o OnePlus 15 mantén unha configuración tripla de sensores traseiros de 50 megapíxeles: grande angular, ultra grande angular e teleobxectivo con zoom óptico de ata 3.5x e dixital de ata 120x. Todos os sensores contan con enfoque automático e estabilización óptica en dous eixes, o que suxire un rendemento sólido en fotografía e vídeo. A cámara frontal, de 32 megapíxeles, tamén incorpora enfoque automático. Queda por ver cal é o desempeño destas cámaras agora que a compañía chinesa decidiu prescindir da colaboración con Hasselblad neste apartado.
O prezo de partida en China é de 3 999 iuans (483 euros) para a versión de 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, cunha gama que chega ata os 16 GB de RAM e 1 TB de almacenamento (cun prezo de 5 399 iuans, que ao cambio serían 651 euros).
Estamos ante un móbil que esteticamente é bastante diferente do OnePlus 13 (o OnePlus 14 non sairá ao mercado, como aconteceu no seu día co OnePlus 4, por supersticións chinesas co número 4), especialmente polo aspecto da súa parte traseira e o seu módulo de cámaras, pero que presumiblemente achegará unha experiencia de uso dentro do habitual na marca, quedando como principal incógnita se a versión internacional terá batería de 7 300 mAh ou terá que conformarse cunha capacidade máis modesta como fan moitas marcas.