O OnePlus 6 terá pantalla de 6,28 polgadas con pestana superior

mércores, 16 de maio do 2018 Marcus Fernández

O esperado smartphone OnePlus 6 por fin anúnciase oficialmente, de xeito que xa se coñecen as súas especificacións e prezo, partindo este último de 519 euros para o modelo con 6 GB de RAM e 64 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento custa só 50 euros máis. Desta volta tamén teremos unha versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 619 euros, que probablemente sexa a configuración máis rechamante, por optar por unha capacidade de almacenamento comparable á de moitos ordenadores portátiles.
O OnePlus 6 é un smartphone con pantalla Optic AMOLES de 6,28 polgadas cunha resolución de 2.280 x 1.080 píxeles (ou sexa, en formato 19:9) que presenta unha pestana para a cámara frontal na súa parte superior, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 con gráfica Adreno 630, a súa cámara traseira dual ten sensores Sony de 16 e 20 Mpíxeles con apertura f/1.7 (capaz de gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo ou incluso vídeo a 720p a 480 imaxes por segundo) e a frontal de 16 Mpíxeles con apertura f/2.0, conta con Wi-Fi AC, Bluetooth 5.0, NFC e toma para auriculares, pode desbloquearse mediante recoñecemento facial ou lector traseiro de pegadas dixitais e a súa batería de 3.300 mAh ten carga rápida por USB-C. No tocante á banda larga móbil soporta velocidades de LTE de até 1 Gbps de baixada e 150 Mbps de subida. Tamén é resistente á auga e funciona con Android 8.1 coa capa de personalización OxygenOS, podendo gozar tamén da beta de Android P.
O lanzamento oficial deste novo smartphone será o 22 de maio nas versións en cor negra, mentres que as versións en branco faranse agardar até o 5 de xuño.

JPEG - 100.8 KB
O OnePlus 6 é resistente a molladuras
JPEG - 154.3 KB
O OnePlus 6 funciona con OxygenOS baseado en Android 8.1, podendo o usuario unirse xa á beta de Android P

PUBLICIDADE