O OnePlus Nord 2 5G chegará coa cámara do OnePlus 9

venres, 23 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O ano pasado OnePlus conseguiu recuperar certa posición de mercado ao comercializar o OnePlus Nord, un móbil moi completo que por un prezo que partindo dos 399 euros ofrecía unha grande experiencia de uso e conectividade 5G, converténdose nun dos teléfonos máis reputados do ano, e agora buscan aproveitar a sona dese dispositivo coa súa segunda xeración, que tenta repetir fórmula mellorando especialmente o seu apartado fotográfico.
O OnePlus Nord 2 5G chega cun potente procesador MediaTek Dimensity 1200, pantalla AMOLED Full HD+ de 6,43 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz, altofalantes duais, unha cámara traseira tripla na que destaca un sensor principal Sony IMX766 de 50 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe (a mesma cámara que ten o OnePlus 9), unha cámara frontal de 32 Mpíxeles, conectividade Bluetooth 5.2, 5G e Wi-Fi 6, NFC e batería de 4.500 mAh con carga rápida de 65 watts.
Un dos puntos fortes deste móbil é OxygenOS 11.3, un sistema operativo moi próximo a Android puro, ao que simplemente engadiron algunhas funcións e posibilidades de personalización, o que sumado a unha cámara principal propia dun móbil de gama alta pode facer que este smartphone consiga estar á altura da súa primeira versión.
O OnePlus Nord 2 5G sairá á venda o vindeiro mércores a un prezo de 399 euros con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento e a 499 euros con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, podendo adquirirse inicialmente a través da propia OnePlus ou de Amazon.

PUBLICIDADE