O OnePlus Nord CE 5G apunta a un público moi amplo cun prezo de partida de 299 euros

xoves, 10 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Hai preto dun ano presentouse o OnePlus Nord, un smartphone con 5G que partía dun prezo de 399 euros, o que facía que se converterse nun grande éxito por achegar unhas prestacións moi boas por un prezo moi afastado do último móbil insignia da compañía (o OnePlus 8 que custaba entre 709 e 909 euros).
Conscientes da boa recepción do Nord presentan agora o OnePlus Nord CE 5G, que reforza o mesmo concepto, de xeito que promete ser un magnífico smartphone a nivel de experiencia de uso cun prezo moi axustado, que desta volta sería de 299 euros para a versión con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, podendo adquirirse tamén con 8 GB de RAM por 329 euros ou con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 399 euros.
Este novo smartphone chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 750G 5G, memoria LPDDR4X, almacenamento UFS2.1, pantalla Fluid AMOLED de 90 Hz con resolución Full HD+ e unha diagonal de 6,43 polgadas, batería de 4.500 mAh con Warp Charge 30T Plus (ou sexa, carga rápida de 30 watts), unha cámara traseira tripla cun sensor principal de 64 Mpíxeles e gravación de vídeo 4K, cámara frontal de 16 Mpíxeles, Wi-Fi 5, Bluetooth 5.1, NFC, lector de impresións dixitais en pantalla, dobre nano SIM e unha pequena sorpresa adicional: conector para auriculares de 3,5 milímetros. Todo isto funcionando baixo OxygenOS baseado en Android 11 (actualizable como mínimo até Android 13).
Para quen estea afeito a experiencia de uso dos móbiles de OnePlus estariamos ante unha opción de compra imprescindible, que semella orientada a competir con fabricantes como Xiaomi, xa que por un prezo lixeiramente superior aos seus móbiles de gama media conséguese uns dispositivos que ofrecen unha sensación de uso de móbiles de gama alta, de aí que sexan dispositivos de tan boa reputación.

PUBLICIDADE