O OnePlus Nord estrea irmáns
luns, 26 de outubro do 2020
O
fabricante chinés OnePlus conseguiu recuperar posicións no mercado tras o lanzamento
dun smartphone de gama media, o OnePlus
Nord, e precisamente ese éxito é o que os leva a ampliar tal liña de
dispositivos con dous novos terminais que apuntan a prezos máis axustados cos
que buscan atopar novos ocos de mercado nos que a boa sona da marca pode
resultar benvida.
O móbil que seguiría claramente a liña do anterior sería o OnePlus Nord N10 5G, que ten un
prezo de 349 euros, polo que está moi próximo ao seu irmán maior, sendo a súa
principal diferenza a súa pantalla, que desta volta opta por tecnoloxía IPS en
vez de AMOLED, o que levou tamén a que o lector de impresións dixitais pasase
de estar integrado en pantalla a ocupar a súa parte traseira. Este cambio tamén
vai acompañado por unha disposición diferente das súas cámaras e a incluír un
procesador lixeiramente inferior (un Qualcomm Snapdragon 690 5G).
Este smartphone con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante
tarxetas de até 512 GB), ten unha pantalla Full HD+ de 6,49 polgadas cunha
velocidade de refresco de 90 Hz, está preparado para a 5G, a súa batería de
4.300 mAh inclúe carga rápida a 30 watts, conta con NFC, Wi-Fi AC e Bluetooth 5.1,
e como detalle máis curioso temos que incorpora altofalantes estéreo, elemento
no que supera ao OnePlus Nord orixinal (que ten un único altofalante).
No que se refire ás cámaras, o OnePlus Nord N10 5G só inclúe unha cámara
frontal de 16 Mpíxeles nunha perforación en pantalla, mentres que na súa traseira
ten unha cámara cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeels, un ultra grande
angular de 8 Mpíxeles, unha lente macro de 2 Mpíxeles e unha lente
monocromática de 2 Mpíxeles. Grava vídeo 4K a 30 imaxes por segundo e ten modo
de cámara superlenta en 720p a 240 imaxes por segundo.
OnePlus Nord N100
En contraste, o OnePlus Nord N100 é un móbil moito máis discreto, como ben indica o seu prezo de 199 euros. Temos aquí un móbil con pantalla de 6,52 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 460, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, altofalantes duais, cámara traseira tripla cun sensor principal de 13 Mpíxeles e batería de 5.000 mAh con carga de 18 watts. Sobra dicir que carece de 5G e a súa configuración de hardware sorprende por ser tan modesta, estando moi preto de ser un terminal de gama baixa, polo que será interesante ver se este móbil é capaz de achegar a experiencia de usuario da que habitualmente presumen os dispositivos de OnePlus.