O Oppo Find 7 presume de poder disparar fotografías de 50 Mpíxeles

mércores, 19 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Hai poucas horas o fabricante chinés Oppo presentou oficialmente o seu atractivo smartphone Oppo Find 7, que continúa a súa liña de teléfonos de coidado deseño e fabricación combinados con grandes prestacións técnicas, que sairá inicialmente á venda por 3.498 iuans (405,49 euros). Estamos ante un impresionante terminal cunha pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (o que supón unha densidade de 538 puntos por polgada, superando por moito os 326 puntos por polgada do iPhone 5S), procesador Qualcomm Snapdragon 810 MSM8974AC a 2,5 GHz (empregado tamén polo Samsung GALAXY S5) con gráfica Adreno 330, 3 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 128 Gb, NFC, tecnoloxía MaxxAudio, batería de 3.000 mAH e sistema operativo ColorOS baseado en Android 4.3. O seu grosor é de 9,2 milímetros e o seu peso de 173 gramos, pero o detalle que máis está a chamar a atención deste móbil é a súa cámara pois, aínda que estea dotado cun xa coñecido sensor Sony Exmor IMX214 de 13 Mpíxeles, conta cun modo de disparo de 50 Mpíxeles (que tamén facilita a realización de super zoom na liña do que permite o Nokia Lumia 1020) e incluso permite gravar vídeo a 4K, mentres que a 720p permite rexistrar ata 120 fotogramas por segundo (para realizar efectos de cámara lenta).

O Oppo Find 7 é capaz de gravar vídeo a ultra alta definición

Con este dispositivo Oppo non rivalizaría cos típicos terminais insignia doutras compañías, senón que estaría na categoría dos tabletófonos como o Samsung GALAXY Note 3, ao que o smartphone chinés é capaz de superar en numerosos aspectos, quedando como principal vantaxe do produto surcoreano no uso do S-Pen (e algunha funcionalidade de software integrada por Samsung como a multi-fiestra).
Polo momento o Oppo Find 7 só está dispoñible en China, pero é de agardar que en poucas semanas chegue á tenda europea da compañía. Cómpre destacar que xa estamos ante un smartphone con conectividade 4G, algo aínda pouco habitual en terminais chineses, pero que é de agardar que se converta nunha prestación estándar nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE