O Oppo R1 estréase na China

martes, 24 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Un dos fabricantes de móbiles chineses que máis están a destacar a nivel internacional é Oppo, que incluso atrévese a vender directamente os seus dispositivos a través da Internet en Europa, e aínda que destaca especialmente polos seus dispositivos de máis alta gama (como o Oppo N1), tamén ten en conta a gama media, polo que estes días está a lanzar en China o seu novo Oppo R1, smartphone que ten unhas especificacións moi completas e un deseño atractivo conseguindo conter o seu prezo 2.498 iuans (uns 300 euros).
O Oppo R1 funciona cun procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, cunha gráfica PowerVR SGX544, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, Bluetooth 4.0 e batería de 2.410 mAh, operando con Android 4.2 e presentando un delgado deseño (7,1 milímetros) e un peso moi comedido para o seu tamaño (140 gramos).
Este móbil con dobre SIM poderá adquirirse cunha carcasa en cor branca con borde dourado ou de cor negra con borde gris, e polo momento só está dispoñible na súa versión asiática (é de agardar que en breve teñamos modelo internacional).

O Oppo R1 ten unha pantalla de 5 polgadas de 1.280 x 720 píxeles

PUBLICIDADE