O PEL da Deputación da Coruña apoia a transformación de 427 pequenas empresas e persoas autónomas
luns, 3 de xuño do 2024
A liña de axudas PEL-Emprende para investimentos da Deputación da Coruña destina este ano 3.954.376 euros para apoiar a 427 pequenas empresas e profesionais autónomos da provincia na realización de investimentos vinculados ao desenvolvemento dos seus negocios. A concesión das axudas publicouse este luns 3 de xuño no BOP (PDF) e supón, en palabras da institución provincial, “un importante apoio económico para 427 microempresas, pemes e persoas autónomas con sede no rural, en concellos de menos de 10.000 habitantes. Estamos a falar de axudas que oscilan entre 2.450 e 17.500 euros destinadas a facilitar a adquisición de aplicacións informáticas, mobiliario, maquinaria ou equipos de información necesarios para o crecemento, modernización e dixitalización dos negocios.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, afirmou que "os investimentos desta liña do PEL contribúen a consolidar e modernizar o tecido empresarial da provincia, facéndoo máis competitivo e dando un apoio fundamental para as persoas emprendedoras que apostan por crear un negocio, especialmente nos concellos máis pequenos da provincia". Formoso destacou que "unha das liñas estratéxicas da acción política da Deputación neste mandato é a creación de emprego e actividade económica no rural, un aspecto fundamental se queremos fixar poboación e apostar por un rural vivo e con futuro", afirmou o presidente, que destacou a "elevada demanda" coa que conta esta liña de axudas do PEL, o que obrigou a incrementar o seu orzamento nun 43%, pasando dos 2,7 millóns orzamentados inicialmente a preto de 4 millóns de euros, "co obxectivo de atender o maior número posible de solicitudes". Ademais, o presidente lembrou que esta liña complementa a outros programas da Deputación como PEL-PEME e PEL-Concellos, que este ano crearon xa 737 empregos tanto nos concellos como nas pequenas empresas da provincia.
As axudas PEL-Emprende Investimento cobren ata o 70% dos investimentos realizados en aplicacións informáticas, maquinaria, mobiliario e equipos para procesos de información, cun importe máximo de 17.500 euros. Todos os investimentos deben ser elementos novos e directamente relacionados coa actividade da empresa.
Do total de entidades beneficiarias, o 79,86% son profesionais autónomos/as, con 341 solicitudes concedidas e un 87,35% das solicitudes concedidas pertencen a sectores estratéxicos, emerxentes e de alto potencial de Galicia (fronte ao 31,36% do ano 2023), dos cales 195 adícanse á actividade agrícola, gandeira, forestal e pesca.
No referente á distribución das axudas por concellos onde se localiza o domicilio fiscal das empresas, cabe destacar que a meirande parte proveñen de Mazaricos con 39 concesións, acadando así o 12,64% do orzamento total (498.435,12 €), seguidas dos concellos de Fisterra e Val do Dubra en número de concesións, con 23 e 22 respectivamente. Entre os tres concellos supoñen preto do 20% das solicitudes concedidas. Agora ben, no referente a distribución do orzamento por concellos, o concello de Mazaricos segue sendo o que acadou a maior parte deste, pero o segundo máis beneficiado pasa a ser o concello da Baña con 17 concesións pero cun importe que ascende a 219.477,49 € seguido do de Fisterra que as 23 concesións alcanzan un importe de 138.662,95 €.
En relación co anterior tamén cabe resaltar que 174 beneficiarios/as teñen o seu domicilio fiscal en concellos de 2.001 a 4.000 habitantes (o que representa o 40,75% do total) e 122 dos beneficiarios teñen o domicilio fiscal nun concello con poboación de 5.001 a 10.000 habitantes (o que representa o 28,57 % do total). “O dato”, explica a Deputación, “mostra un maior avance nas concesións a municipios máis pequenos respecto doutros anos, comparándoo coa concesión do 2023, os máis favorecidos ese ano foron os municipios de entre 5.001 a 10.000 habitantes (cun 38% das concesións) quedando este ano en segundo lugar en prol dos municipios máis pequenos.
Atendendo á distribución por comarcas, a de Santiago, é a que conta cun maior número de solicitudes concedidas con 151, o que supón 1.542.825,86 € en axudas, seguida da comarca de Bergantiños-Costa da Morte, cun total de 100 e un importe concedido de 735.740,05 €. Entre ambas comarcas concéntranse o 58,78% das solicitudes concedidas.