O PES 2016 terá unha versión free-to-play

venres, 27 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos non foron poucos os xogos que pasaron dun modelo de pagamento ao free-to-play para poder manter a súa rendibilidade, e finalmente parece que Konami reaccionaría ao dominio que Electronic Arts está a exercer nos xogos de fútbol, e anuncia que o Pro Evolution Soccer 2016 (PES 2016) estreará o 8 de decembro unha versión entry level que poderá descargarse de balde, e que contará o Modo Exhibición completo coa posibilidade de elixir 7 equipos entre os que se atopan o Bayern Munich, a Juventus, a AS Roma, Brasil e Francia. Tamén contará co modo completo de Adestramento e o popular myClub. Deste xeito os usuarios poden probar o PES 2016 tanto a través da Internet como en local, e gozarán de acceso ilimitado ao modo myClub, onde os xogadores poderán empregar as moedas acumuladas no xogo e realizar micro-transaccións para construír un equipo gañador.
myClub permite que os usuarios experimenten a xestión dun club e desenvolvan o seu propio cadro de xogadores. As aliñacións e estatísticas de myClub actualízanse semanalmente e continuamente recibe máis competicións, eventos e promocións, onde os usuarios poden elixir o adestrador e fichar adestradores, configurar o seu estilo de xogo e desenvolver unha estratexia a longo prezo baseada na consecución de obxectivos específicos.
A edición free-to-play será compatible coas actualizacións e novos contidos que o PES 2016 vaia recibindo durante toda a tempada. Queda agora por ver se estamos ante unha simple xogada por parte de Konami para incrementar os seus ingresos a través das micro-transaccións (que son maiores canto maior sexa a base de usuarios), ou se están a explorar a posibilidade de que no futuro o Pro Evolution Soccer pase a ser un xogo totalmente free-to-play.