O PES 2021 estrea versión free-to-play

luns, 7 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Dende hai anos Konami non consegue que o seu xogo de fútbol estea á altura da competencia, e para atraer xogadores que poidan gastar cartos dentro da aplicación (modelo de negocio que está a ser moi rendible) estrea hoxe eFootball PES 2021 LITE, versión de balde do Pro Evolution Soccer que permite acceder sen limitacións a todas as funcións do modo myClub.
En myClub podemos crear equipos xuntando xogadores e directores técnicos que se adapten ao noso estilo, adestraremos a promesas para convertelas en superestrelas ou tamén poderemos fichas a grandes xogadores para prosperar na competición.
Esta versión reducida do xogo tamén conta co modo Matchday, un modo competitivo de xogador contra xogador no que participar en diversos eventos inspirados en grandes enfrontamentos e rivalidades do fútbol real. O modo Matchday tamén acolle eFootball.Open, un torneo que xunta a xogadores de PES con distintos niveis de habilidade.
eFootball PES 2021 LITE tamén inclúe os modos Partido local e Adestramento para xogar contra a máquina e poder perfeccionar as nosas habilidades. Outra funcionalidade dispoñible é o modo Editar, que permite crear e personalizar nomes, escudos e uniformes dos equipos, podendo incluso importar datos creados por outros usuarios, ou sexa, un atallo para compensar a falta de licenzas oficiais da que adoece o PES dende hai bastantes anos.
Esta versión de balde do Pro Evolution Soccer está dispoñible para a súa descarga para PlayStation 4, Xbox One e PC (Steam).

PUBLICIDADE