O PIE de Ribeira comeza a súa formación co foco posto nas ferramentas tecnolóxicas de emprego
luns, 22 de decembro do 2025
O Concello de Ribeira deu comezo á fase formativa da terceira edición do seu Programa Integrado de Emprego, unha iniciativa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), orientada á mellora da empregabilidade das persoas desempregadas da comarca botando man de avanzadas ferramentas tecnolóxicas.
Nesta edición participan cen persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego e residentes nos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Porto do Son. O programa conta cun compromiso de inserción laboral do 45%.
A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Carmen Pérez, visitou o Viveiro de Empresas para comprobar de primeira man o desenvolvemento das sesións formativas. Segundo sinalou, “trátase dunha medida cun compromiso de inserción laboral do 45%. A través da formación buscamos capacitar a unha parte da cidadanía para a súa incorporación ao mundo laboral en nichos de mercado con necesidade de traballadores”.
O Programa Integrado de Emprego está dirixido a un amplo abano de persoas desempregadas, incluíndo persoas con discapacidade, mulleres desempregadas, persoas desempregadas de longa duración, inmigrantes, persoas en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia, mulleres vítimas de violencia de xénero, maiores de 52 anos, menores de 30 anos, así como perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI). Todas elas deben estar inscritas como demandantes de emprego.
As persoas participantes reciben unha axuda económica de 10 euros por día de asistencia ás accións presenciais. No caso da modalidade en liña, o número de días con dereito a bolsa calcúlase dividindo o total de horas de formación entre cinco. Ademais, o Concello ofrece medidas de conciliación adaptadas ás necesidades das persoas participantes.
Ao longo de doce meses, o programa combina accións de orientación, formación e intermediación laboral mediante unha metodoloxía práctica que integra contidos teóricos e dinámicas de grupo. Faise especial fincapé no uso das novas tecnoloxías, na mellora das habilidades para a busca de emprego e no manexo de ferramentas dixitais como portais de emprego, aplicacións móbiles e redes sociais profesionais.
A oferta formativa inclúe cursos en ámbitos con alta demanda laboral, como técnicas de mobilización de enfermos, fundamentos básicos de cociña, acompañamento en transporte escolar, operacións básicas de caixa, ofimática, técnicas administrativas, organización de almacén, manexo de carretillas elevadoras, mantemento de zonas verdes, seguridade e hixiene na industria alimentaria ou cociña colectiva, entre outros.
Un dos piares do programa son as prácticas profesionais non laborais, realizadas grazas á mediación das orientadoras laborais co tecido empresarial da contorna. Estas prácticas permiten ás empresas coñecer perfís profesionais adaptados ás súas necesidades e ás persoas participantes darse a coñecer de cara a futuras contratacións.
De maneira complementaria, desenvolveranse accións individuais como sesións de asesoramento e acompañamento laboral, obradoiros de adestramento para a busca de emprego, comunicación e habilidades sociais, elaboración do currículo, preparación de entrevistas, prospección laboral e prácticas en empresas colaboradoras.
O programa tamén inclúe formación transversal en informática, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, adestramento emocional, técnicas de busca de emprego e fomento da capacidade emprendedora.
O Programa Integrado de Emprego 2025-2026 está promovido polo Concello de Ribeira e conta co apoio económico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal.
