O PSOE comprométese coa extensión de fibra óptica no rural galego
xoves, 12 de decembro do 2024
A deputada socialista Patricia Otero defendeu hoxe no Congreso a extensión da fibra óptica ao rural galego para que todas as persoas, “con independencia da zona onde vivan, poidan ter acceso a esas conexións”. Nunha intervención na Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital, a parlamentaria do PSdeG salientou “o tremendo esforzo” do Goberno central para levar a Internet de alta velocidade “ata o último recuncho dos concellos de Galicia”.
Sinalou tamén que os investimentos que puxo enriba da mesa o Executivo socialista” serviron para dar cobertura a máis de 236.000 fogares e empresas antes de que remate este ano” e a xeito de exemplo indicou que no concello con maior extensión na comunidade autónoma, A Fonsagrada, “só se detectaron problemas en 3 dos 290 núcleos de poboación que o integran, nun territorio de 438 quilómetros cadrados”. Con todo, afirmou que “é necesario seguir traballando para corrixir calquera deficiencia”.
Otero destacou “a vontade dos socialistas de acadar unha postura común co resto de grupos parlamentarios no tocante á despregadura da fibra no ámbito rural”, acordo que, segundo lembrou, materializouse na votación dunha emenda transaccional a unha proposición non de lei do Grupo Mixto, que acadou o apoio de 33 dos 3 membros da comisión. O texto definitivo inclúe a axilización da despregadura da nova rede nos municipios máis rurais, ante o fin do período de servizo das antigas liñas de cobre para a telefonía e a ADSL. Tamén contempla que se coordine coas operadoras (as responsábeis de prestar o servizo) e as administracións implicadas o proceso de extensión da fibra óptica no rural galego. Por último, acordouse instar ao Goberno a poñer en marcha unha campaña informativa “sobre o apagamento da era do cobre” e habilitar un mecanismo de reclamacións para os posibles afectados e afectadas.