O PSdG pide ao Goberno galego máis investimento para fomentar a IA en galego

mércores, 29 de abril do 2026 S. P.

O PSdG achega esta semana unha batería de iniciativas relacionadas coa intelixencia artificial en Galicia e co fomento das tecnoloxías intelixentes na nosa lingua. A deputada Silvia Longueira debullou as propostas rexistradas no Parlamento e mostrou a preocupación do seu grupo sobre o investimento que lle está a adicar á IA a Xunta.
Dixo que “vivimos nun mundo no que o 95% da intelixencia artificial está adestrada en inglés, e polo tanto se o Goberno autonómico non pon diñeiro xa, o galego queda fóra. E quedar fóra da IA non é quedar atrás dez anos, é desaparecer da tecnoloxía que vai mandar o século”
A socialista esixiu que “a Xunta presente, antes de que remate o ano, un cronograma con obxectivos, accións e orzamento para que o galego deixe de quedar atrás na IA”, e que entregue, antes do peche deste período de sesións, “un informe coas medidas inmediatas que pode pór en marcha xa”.
Dixo tamén que se ben o Goberno de España leva achegados máis de 3,4 millóns de euros desde 2023 para meter o galego na intelixencia artificial, o Goberno autonómico “non adicou nin un euro en tres anos”, sostivo, engadindo que “agora Madrid anuncia máis financiamento e o Grupo Parlamentario Socialista quere saber canto vai pór a Xunta e cando”.
A iniciativa, rexistrada pola deputada Silvia Longueira e o deputado Aitor Bouza, chega xusto despois de que o Goberno central anunciase máis financiamento para a continuación do proxecto Nós da USC, un anuncio que debullamos este martes en Código Cero.
E engadiu: “Desde 2023 o Estado puxo case 3,5 millóns sobre a mesa para que a Universidade de Santiago, a través do CITIUS e do Instituto da Lingua Galega, metese o galego na era da intelixencia artificial. Tres anos de traballo. E onte mesmo a secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, María González Veracruz, confirmou que o apoio continúa e que vai haber máis cartos”.