O PSdG solicita a maior das atencións para previr a violencia de xénero dixital

martes, 23 de novembro do 2021 S. P.

Co gallo das celebracións do 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, os socialistas galegos presentaron unha proposta para achegar “a maior das atencións” á prevención e sensibilización das agresións de xénero dixital, “especialmente entre adolescentes”. Fíxoo este martes 23 de novembro a voceira do PSdG-PSOE Noa Díaz, durante o debate do ditame da reforma da lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que coincide no mes de novembro, “tristemente dedicado á violencia machista”.
Sobre o novo texto lexislativo aprobado tralo debate por unanimidade no Parlamento de Galicia, o Grupo Socialista realizou 5 emendas, das que 4 foron aprobadas, para instar ao Goberno a “pór o foco na educación, investigación e en mecanismos de control sobre este tipo de violencia”.
Así, no eido da investigación, o PSdeG introduciu no articulado “que se potencie a investigación sobre a violencia dixital, tendo en conta que é algo moi novo e que desgraciadamente viu para quedar”.
En canto ao ámbito educativo, o Grupo Socialista engadiu ao texto a “importancia” de impulsar actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención deste tipo de comportamentos, así como da realización de campañas de sensibilización e formación da poboación xuvenil.
Por último, a dirixente socialista aplaudiu que se incluíse tamén na lei a proposta socialista para que o Goberno galego “impulse coas principais plataformas intermediarias de Internet, acordos de colaboración co fin de establecer criterios e mecanismos áxiles e urxentes de denuncia e retirada de contidos relacionados coa valencia de xénero dixital”.

PUBLICIDADE